A Área Sanitaria de Ourense pide extremar as precaucións ante as altas temperaturas

OurenseXa
Dende o servizo de farmacia poñen o foco na poboación vulnerable especialmente ante o uso de certos medicamentos que poden intensificar os efectos adversos da calor
termometro-ourense-ola-de-calor
20 Jun 2025

Ante a onda de calor que afecta estes días á provincia de Ourense, o Servizo de Farmacia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras quere trasladar á poboación recomendacións dirixidas ás persoas máis vulnerables, como os de idades avanzadas e menores, informando sobre o risco engadido que supoñen determinados medicamentos en situacións de temperaturas extremas.

As persoas maiores, especialmente a partir dos 65 anos, e con maior risco a partir dos 75, constitúen un dos grupos máis sensibles, debido á menor capacidade de adaptación fisiolóxica á calor, á maior prevalenza de enfermidades crónicas e ao uso frecuente de múltiples fármacos.

Tamén están en situación de especial vulnerabilidade as persoas con enfermidades cardiovasculares, renais, endocrinas ou respiratorias, así como aquelas que padecen trastornos de saúde mental, ou teñen mobilidade reducida. As mulleres embarazadas, os lactantes e os nenos pequenos tamén forman parte dos colectivos que requiren unha especial vixilancia.

Desde o Servizo de Farmacia indícase que existen unha serie de medicamentos que poden agravar os efectos do calor. Entre eles, destacan os diuréticos, que poden provocar deshidratación ou alteracións electrolíticas; os analxésicos e antiinflamatorios (como o ibuprofeno ou o naproxeno), que afectan a función renal; e algúns antihipertensivos, cuxa acción tamén pode verse comprometida durante a calor extrema.

EFECTOS ADVERSOS DOS MEDICAMENTOS

Outros fármacos poden alcanzar unha concentración de risco en caso de deshidratación, incrementando a súa toxicidade. Velaí a importancia de manter sempre un nivel de hidratación axeitado. Este é o caso da metformina, empregada habitualmente para controlar os niveis de azucre en sangue; a digoxina, para o tratamento da arritmia cardíaca, ou fibrilación auricular; asi como algún medicamentos de uso psiquiátrico, como o litio; ou determinados antiepilépticos.

Cómpre ter tamén precaución cos medicamentos que afectan ao sistema nervioso central, como os neurolépticos, antidepresivos e opioides, así como con aqueles que interfiren na sudoración ou na regulación da temperatura corporal, como os anticolinérxicos, antihistamínicos ou as hormonas tiroideas. Estes tratamentos poden dificultar a disipación da calor e aumentar o risco de golpe térmico.

Por riba de todo, din, é importante manter unha hidratación axeitada, controlar a temperatura ambiental e estar atentos a calquera signo de alarma, especialmente con menores e persoas de idade avanzada a noso cargo ou do noso entorno.
Estas medidas son fundamentais para evitar complicacións graves como descompensacións cardíacas ou renais, baixadas bruscas de tensión, síncopes, intoxicacións medicamentosas ou golpes de calor.

En ningún caso, lembran desde o Servizo de Farmacia, debe interromperse ou modificarse a medicación por conta propia, e que calquera axuste debe ser valorado de forma individual por parte dun profesional sanitario.

A Área Sanitaria de Ourense continuará promovendo campañas de información preventiva durante todo o verán, en coordinación cos centros de saúde, residencias e servizos comunitarios, co obxectivo de protexer os colectivos máis vulnerables.

RECOMENDACIÓNS

As principais recomendacións sanitarias son beber máis, sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Evitar as bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola ou con moito azucre; aumentar o consumo de verduras e froitas; evitar comidas copiosas e manter os alimentos no frigorífico, prestando especial atención á súa conservación.

Tamén se aconsella usar roupa lixeira e folgada, de cores claras, preferiblemente de tecidos naturais. Na rúa, protexerse do sol empregando sombreiro, lentes de sol e protectores solares, así como calzado fresco, cómodo e que transpire. De ser posible, permanecendo en espazos ventilados, acondicionados ou á sombra, evitando estar ao aire libre nas horas de máis calor, e reducir a actividade física ou a práctica deportiva.
Na casa empregar as habitacións máis frescas da vivenda e, para limitar o aumento da temperatura, durante o día manter baixadas as persianas e non abrir as xanelas ata que se reduza a temperatura exterior, preferentemente á noite, para ventilar. No coche, ao estacionar ou facer unha parada, evitar deixar no interior coas xanelas pechadas a nenos ou anciáns.

No caso de ter que asistir a alguén que padeza esgotamento ou un golpe de calor, o primeiro é solicitar axuda médica urxente chamando ao 061. Mentres chega a asistencia, pode tentar baixarlle a temperatura levandoo á sombra ou a un lugar fresco e tranquilo, arrefriarlle o corpo, mollar con auga fresca e abanar e hidratar, dándolle pequenos grolos de auga fresca ou bebidas minerais, só de estar consciente, xa que non ser así, cómpre deixalo de lado coas pernas flexionadas e non ofrecerlle líquidos.

⚙ Configurar cookies
0.16387796401978