A Área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras advirte dos perigos do tabaco e dos cigarriños electrónicos

Con motivo da celebración do Día Mundial Sen Tabaco, este sábado 31 de maio, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras súmase a Organización Mundial da Saúde (OMS) na súa campaña de sensibilización con iniciativas de concienciación sobre os riscos do consumo de tabaco e nicotina nos centros de saúde e hospitais.
A programación enmárcanse na campaña da Organización Mundial da Saúde (OMS) deste ano, que pon o acento nas estratexias de manipulación que emprega a industria tabaqueira para facer máis atractivos os seus produtos, especialmente entre a mocidade. Entre estas tácticas destacan o uso de sabores, envases de cores, deseños que imitan lambetadas ou debuxos animados, así como a promoción encuberta a través das redes sociais.
A OMS alerta sobre a estratexia para captar novos consumidores a idades temperás, con consecuencias graves para a saúde pública a medio e longo prazo. Hugo Gómez, neumólogo do Hospital Universitario de Ourense, subliña que a idade de comezo en España situase nos 14 anos “a nicotina é altamente aditiva, incluso nos dispositivos electrónicos, que xeran moita dependencia, xa que tamén teñen nicotina”, polo que anima a formar desde a casa, escola e centros sanitarios, na procura de evitar que os rapaces se inicien no tabaco.
Mostra do risco que afronta a mocidade, Gómez destaca que, no último ano, mais da metade dos mozos entre os 14 e os 18 anos probaron os cigarriños electrónicos, e só no último mes ata o 27% desta poboación empregaron un destes dispositivos.
Isaura Parente, como xefa do servizo de Pneumoloxía do Hospital Universitario de Ourense, coñece ben os seus efectos “O tabaco é a principal causa do cancro de pulmón” é subliña “entre o 80 ou 90% dos pacientes de cancro de pulmón son ou foron fumadores” lamentablemente, di “este tipo de tumor é moi frecuente, sendo ademais a principal causa de morte máis por tumores”.
Raquel Dacal, neumóloga do Hospital Universitario de Ourense, anima a deixar de fumar e lanza unha mensaxe sobre o dano integral do tabaco, non só ao aparello respiratorio, senón a todo o organismo, involucrando ao conxunto das especialidades médicas a paliar o seu dano “o tabaco é responsable directo de enfermidades como o cancro de vexiga, de boca, de esófago, de farinxe e de larinxe” e engade “tamén está relacionado con infartos de miocardio; patoloxías dixestivas, como as úlceras gástricas ou o cancro de colon; vasculares como a claudicación intermitente, que causa dor e limita a mobilidade; e afecta a nivel cirúrxico cunha peor cicatrización e maior risco de complicacións”.
MESAS IFORMATIVAS
En sintonía coa campaña, este venres instaláronse mesas informativas nos centros de saúde de A Cuña e A Ponte, en Ourense, e nos de Xinzo de Limia, O Carballiño, Celanova, Chandrexa de Queixa, Castro Caldelas, A Pobra de Trives e Manzaneda. Nestes puntos, os profesionais sanitarios ofrecerán información sobre os efectos nocivos do tabaco, os recursos dispoñibles para deixar de fumar e asesoramento personalizado.
Nos hospitais da área, colocouse cartelería nas zonas de paso habituais de fumadores e nos puntos onde, a pesar da prohibición, aínda se detecta consumo de tabaco. O obxectivo é concienciar sobre os riscos asociados ao tabaquismo e fomentar o cumprimento das normativas vixentes.
A Xunta de Galicia, a través do Plan Inspira Saúde, ten como obxectivo reducir o consumo diario de tabaco por debaixo do 15% na poboación adulta e do 5% entre os adolescentes para o ano 2027. Este plan inclúe medidas como a creación de espazos sen fume, programas educativos en centros escolares e o seguimento telemático de pacientes a través da plataforma Telea. Ademais, o sistema sanitario público financia tratamentos farmacolóxicos para axudar no proceso de deixar de fumar, que poden reducir os síntomas de abstinencia.
Deixar de fumar é un reto que require motivación e apoio. Algúns consellos útiles inclúen: Establecer unha data para deixar de fumar e prepararse para ese día, reducindo progresivamente o consumo; identificar os desencadeantes que levan a fumar e buscar alternativas saudables; comunicar a decisión e pedir apoio a familiares, amigos ou compañeiros e consultar co seu médico de referencia sobre os tratamentos dispoñibles.