A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras convoca unha noca edición do seu Concurso de Decoración de Nadal

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras vén de convocar unha nova edición do Concurso de Decoración de Nadal, que alcanza xa a súa sexta edición e que está dirixido a todo o persoal sanitario e non sanitario dos centros da área. A iniciativa ten como obxectivo achegar o espírito do Nadal aos espazos asistenciais e contribuír á humanización da atención sanitaria durante estas datas.
O certame desenvolverase no Hospital Universitario de Ourense, nos hospitais públicos de Verín e Valdeorras, así como nos centros de saúde da área que desexen participar. Poderán sumarse todas as unidades de hospitalización, servizos e áreas que o consideren, decorando os seus espazos cunha ambientación relacionada co Nadal.
Con esta proposta preténdese crear contornas máis acolledoras tanto para pacientes como para familiares e profesionais, fomentando valores como a ilusión, a solidariedade e a creatividade dentro do ámbito sanitario.
As unidades participantes deberán presentar as súas propostas en formato vídeo ou como reportaxe fotográfica. No caso dos vídeos, a duración máxima será de dous minutos, mentres que as fotografías non poderán superar as dez imaxes. O material deberá remitirse por WhatsApp ao número 626 382 433, indicando unha persoa representante, o centro sanitario e a localización do espazo decorado.
O prazo para enviar as propostas remata o mércores 17 de decembro. Un xurado formado por representantes de profesionais xubilados e asociacións de pacientes da área sanitaria será o encargado de valorar os traballos presentados, atendendo a criterios como a temática, a orixinalidade, a creatividade, a autenticidade da decoración e o uso de materiais reutilizados ou reciclados.