A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras presenta o Plan Director de Investigación 2026–2030

OurenseXa
Trátase dun documento estratéxico que marca a folla de ruta a seguir en materia investigadora para os vindeiros cinco anos
plan-director-sergas-ourense
11 Feb 2026

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras presentou o seu Plan Director de Investigación e Innovación 2026–2030, un documento estratéxico que fixa as prioridades e liñas de traballo neste eido para os vindeiros cinco anos. O acto reuniu profesionais de distintos servizos hospitalarios e de Atención Primaria, que tamén puideron seguir a presentación por conexión remota.

A directora de Soporte da Área Sanitaria e responsable de investigación e innovación, Silvia Álvarez Paradelo, e o xefe da Sección de Investigación, Joaquín Cubiella, foron os encargados de debullar o contido do plan. Durante a presentación, púxose o acento na evolución experimentada nos últimos anos, cun incremento sostido da actividade investigadora tanto en volume como en calidade e impacto científico. Neste contexto, tamén se destacou a recente reactivación do Nodo de Innovación como elemento chamado a xerar novas sinerxías.

Nos últimos exercicios, os profesionais da área incrementaron a súa participación en proxectos competitivos de ámbito autonómico, estatal e internacional, así como en ensaios clínicos e estudos observacionais promovidos desde os propios servizos asistenciais. Este crecemento veu acompañado dunha maior produción científica en revistas de alto impacto e dunha presenza máis activa en redes colaborativas e consorcios, especialmente en ámbitos como a investigación clínica, a epidemioloxía, a innovación diagnóstica e os estudos orientados a resultados en saúde.

O plan parte dunha análise interna que identifica once grupos de investigación activos e máis dun cento de profesionais implicados, cun peso destacado do ámbito oncolóxico e un aumento significativo da actividade en ensaios clínicos. Ademais, reforzouse a estrutura de apoio e avánzase na integración progresiva da investigación na práctica asistencial diaria, coa participación de diferentes categorías profesionais.

O documento establece como obxectivo xeral ordenar e potenciar a actividade investigadora baixo un marco común que permita maximizar o seu impacto científico, asistencial e social. Entre as áreas prioritarias sitúanse o envellecemento poboacional, a cronicidade, o cancro, a saúde mental, a medicina personalizada e a dixitalización, ámbitos nos que a área considera que pode achegar coñecemento desde a práctica clínica e a realidade demográfica do territorio, con especial protagonismo da Atención Primaria e da saúde comunitaria.

Como misión, o plan formula integrar a investigación e a innovación como un servizo máis do sistema sanitario, orientado a mellorar a calidade de vida da cidadanía e o desenvolvemento profesional dos seus traballadores, coa aspiración de consolidar a Área Sanitaria como referente científico en colaboración con socios académicos, institucionais e sociais. Para iso, articúlanse catro grandes obxectivos estratéxicos centrados en reforzar a capacitación científica, impulsar a investigación clínica, consolidar liñas con valor engadido e ampliar as colaboracións externas, xunto cun eixe transversal específico para potenciar a I+D+i en Atención Primaria.

Estes obxectivos concrétanse en dez plans de acción que contemplan, entre outras medidas, a posta en marcha dunha Unidade de Ensaios Clínicos, o impulso de proxectos multicéntricos e internacionais, o desenvolvemento da ciencia de datos, o reforzo dos servizos de apoio, a captación de talento e unha maior implicación da cidadanía. O plan tamén aposta pola cooperación con outras áreas sanitarias e entidades académicas, así como pola aliñación coas estratexias autonómicas, estatais e europeas en I+D+i en saúde, coa vista posta en consolidar unha cultura investigadora sólida e sostible.

⚙ Configurar cookies
0.089091777801514