A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras reduce os tempos de espera e aumenta a actividade asistencial

OurenseXa
O tempo medio de acceso a unha primeira consulta redúcese nun 27,7 %, pasando de 86,2 días a 62,3, cunha significativa baixada dos tempos medios de acceso en Valdeorras.
balance-sanidade-ourense
12 Mar 2026

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras pechou 2025 cunha mellora nos tempos de acceso a consultas e cirurxías, ao tempo que incrementou a súa actividade asistencial nos tres hospitais públicos da provincia. Así o explicou o xerente da área, Santiago Camba Bouzas, durante a presentación do balance anual correspondente ao pasado exercicio.

Segundo os datos oficiais a 31 de decembro de 2025, o tempo medio de espera para unha intervención cirúrxica situouse en 61,1 días, fronte aos 69,5 días rexistrados en 2024, o que supón unha redución de 8,4 días, equivalente a un descenso do 12,1 %. Esta mellora prodúcese nun contexto de aumento da actividade cirúrxica, xa que durante 2025 realizáronse 24.171 intervencións, 2.290 máis que o ano anterior.

No caso das operacións de prioridade 1, que requiren unha resolución máis rápida por razóns clínicas, o tempo medio de espera situouse en 9,8 días, manténdose por debaixo do límite de 30 días que establece a normativa autonómica.

A análise por especialidades tamén reflicte descensos relevantes nos tempos de acceso. Destaca Neurocirurxía, que reduciu a súa espera media un 64 %, pasando de 154,4 días a 55,5. Tamén melloraron Uroloxía, cunha redución do 36 %; Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, cun descenso do 30 %; e Traumatoloxía, que reduciu o seu tempo de espera en máis de 31 días respecto a 2024.

A finais de 2025, a lista de espera cirúrxica estaba formada por 5.434 pacientes. Deles, o 79 % agardaban menos de tres meses, mentres que só un 1,4 % superaban os seis meses de espera.

A área sanitaria tamén experimentou unha mellora significativa no acceso ás primeiras consultas externas. Durante 2025 realizáronse 552.365 primeiras consultas, 1.261 máis que o ano anterior. Este aumento da actividade permitiu reducir o tempo medio de espera de 86,2 días a 62,3, é dicir, 23,9 días menos, o que supón un descenso do 27,7 %.

A mellora foi especialmente notable nos hospitais de Ourense e Valdeorras. No primeiro, o tempo de espera reduciuse en 24,1 días, pasando de 87,3 a 63,2 días, mentres que en Valdeorras o descenso foi aínda maior, con 57,9 días menos, ao pasar de 112,9 a 55 días.

Por especialidades, consolidouse a redución de tempos en servizos que estiveran afectados por unha falta puntual de persoal. É o caso de Oftalmoloxía, onde o acceso á primeira consulta pasou de 133,5 días en 2024 a 70,9 días en 2025, unha mellora de 62,6 días. Tamén se reduciron os tempos en Alergoloxía, Neurocirurxía, Pediatría, Reumatoloxía e Anxioloxía e Cirurxía Vascular.

No ámbito das probas diagnósticas, o tempo medio de espera situouse en 68,5 días. Entre as probas máis demandadas destacan a radioloxía convencional, con 231.059 estudos e unha espera media de 14,4 días; a resonancia magnética, con 15.492 probas e 24,1 días de media; e o TAC, con 38.014 exploracións e 37,2 días de espera.

A actividade tamén se mantivo elevada en Medicina Nuclear, cun tempo medio de acceso de 31 días. Neste servizo, a realización dun PET presenta unha espera media de 15 días, mentres que un SPECT se sitúa en 28 días e unha gammagrafía en 55 días.

A área sanitaria continúa ademais aplicando as denominadas vías rápidas, circuítos asistenciais preferentes destinados a axilizar o diagnóstico de enfermidades graves, principalmente oncolóxicas. Grazas a estes circuítos, os pacientes son atendidos por un especialista hospitalario en menos de 15 días desde a activación da sospeita clínica.

Durante 2025 atendéronse por esta vía 760 pacientes con sospeita de cancro de mama, cun tempo medio de 3,8 días; 299 por cancro de pulmón, con 2,3 días; 181 por cancro de colon, con 3,13 días; e 435 por cancro de próstata, con 3,6 días, entre outros casos.

Durante a presentación do balance, o xerente da área sanitaria quixo destacar o papel dos profesionais. Camba atribuíu estes resultados “ao esforzo e compromiso de todo o persoal sanitario e non sanitario dos tres hospitais públicos da área, que cada día traballan para mellorar os tempos de accesibilidade e ofrecer unha atención de calidade á cidadanía”.

O responsable sanitario subliñou ademais o traballo desenvolvido en servizos cunha elevada demanda asistencial, onde a falta puntual de especialistas —debida a xubilacións, traslados ou baixas— pode ter un impacto significativo na actividade.

Neste contexto, reafirmou o compromiso da xerencia para manter os cadros de persoal co maior nivel de cobertura posible e reforzar a atracción de profesionais. O obxectivo, sinalou, “é ofrecer unha contorna laboral na que os profesionais poidan desenvolver ao máximo as súas capacidades clínicas e investigadoras, compatibilizándoas tamén cos seus intereses persoais, nun marco de estabilidade profesional e coas máximas garantías para o exercicio da actividade asistencial”.

0.12346816062927