A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras reforzará a súa aposta pola formación especializada

OurenseXa
Ofertaranse 58 prazas de facultativos (MIR e FIR) —de 26 especialidades—, 12 de enfermaría (EIR) de catro especialidades e 3 de psicoloxía clínica (PIR)
novo-paseo-verde-chuo
4 Mar 2026

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras reforzará este ano a súa aposta pola formación sanitaria especializada cunha oferta total de 68 prazas para residentes. En concreto, convocaranse 58 prazas para facultativos (MIR e FIR) en 26 especialidades, 12 de Enfermaría (EIR) en catro especialidades e tres de Psicoloxía Clínica (PIR).

Para o desenvolvemento desta actividade docente, a área conta con 22 unidades acreditadas, tres delas de carácter autonómico: Medicina Preventiva e Saúde Laboral; Medicina do Traballo; e a nova especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias.

Catro das unidades teñen carácter multiprofesional. A de Familiar e Comunitaria oferta 26 prazas —21 de Medicina e 5 de Enfermaría—. Pola súa banda, a unidade de Saúde Mental concentra a formación de tres disciplinas e dispón de nove prazas: tres de Psiquiatría (MIR), tres de Psicoloxía Clínica (PIR) e tres de Enfermaría especialista en Saúde Mental (EIR).

Tamén teñen carácter multiprofesional as unidades de Obstetricia e Xinecoloxía, con tres prazas (unha de MIR e dúas de matrona), e a de Pediatría, que convoca cinco prazas, tres para médicos internos residentes e dúas para enfermaría.

No resto de especialidades, destacan as tres prazas de Anestesioloxía e Reanimación; dúas en Medicina Interna e dúas en Radiodiagnóstico; e unha praza en cada unha das seguintes áreas: Análises Clínicas; Aparello Dixestivo; Anxioloxía e Cirurxía Vascular; Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía; Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo; Dermatoloxía; Farmacia Hospitalaria; Hematoloxía e Hemoterapia; Medicina Intensiva; Medicina Preventiva e Saúde Pública; Medicina do Traballo; Medicina de Urxencias e Emerxencias; Microbioloxía e Parasitoloxía; Nefroloxía; Neumoloxía; Oftalmoloxía; Oncoloxía Médica; Otorrinolaringoloxía e Uroloxía.

Coa vista posta no proceso de elección de prazas, previsto para os meses de abril e maio, a Comisión de Docencia está a promover a súa oferta formativa mediante visitas personalizadas. Estas sesións, organizadas en función dos intereses dos candidatos, permiten coñecer de primeira man o funcionamento do Hospital Universitario de Ourense, así como o modelo docente da área sanitaria.

O obxectivo é facilitar un contacto directo con titores e residentes actuais para resolver dúbidas sobre a formación, a actividade asistencial e as perspectivas profesionais, ademais de aspectos prácticos relacionados coa vida na cidade.

As persoas interesadas poden solicitar información ou concertar unha visita a través da Comisión de Docencia Hospitalaria, da Unidade Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria ou, no caso de Enfermaría, da Subcomisión de Especialidades de Enfermaría.

A Área Sanitaria de Ourense acumula máis de cincuenta anos de experiencia na formación de especialistas e está acreditada como unidade docente desde o inicio do sistema MIR en España. O seu modelo baséase no seguimento personalizado dos residentes en grupos reducidos, o que favorece a integración nos equipos asistenciais e a formación práctica.

Ademais, a área sanitaria destaca polo seu desenvolvemento tecnolóxico e pola implantación de ferramentas dixitais no ámbito asistencial, o que reforza tanto a atención sanitaria como as posibilidades de investigación e análise de datos clínicos.

0.12700414657593