A artista malagueña Ana Pavón gaña o primeiro premio do XVIII Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense

OurenseXa
A esta edición presentáronse 300 obras procedentes de países como Croacia, Ecuador, Guatemala, México, Portugal e España
Xurado do XVIII Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense
Xurado do XVIII Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense
20 Jul 2025

Ana Pavón Porras (Coín-Malaga, 1996) resultou gañadora da XVIII edición do Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense para novos valores, cunha pintura de gran formato titulada “Gineceo II” e na que a autora alude ao espazo do fogar que na antiga Grecia era reservado exclusivamente para as mulleres e que os homes unicamente podían imaxinar.

A obra, unha pintura de 195 centímetros de ancho por 2 metros de alto, forma parte dunha serie de traballos da artista que, pese á súa xuventude, xa ten realizado exposicións en Beirut, Tokio, Barcelona, Cádiz, Málaga ou Salamanca. Tamén foi bolseira pola Fundación Antonio Gala ou a Xunta de Andalucía. O primeiro premio está dotado con 5.000 euros e a obra premiada pasa a formar parte do patrimonio artístico da Deputación.

O segundo premio desta edición foi para “Pintura pechada III”, de Carlos Fer (Carlos Fernández López), un acrílico sobre lenzo intervido con pasadores e tiradores que tentan substituír ás tradicionais suxeicións dun cadro colgado.
“Crash” é outra obra de gran formato (200 x 200 cm.) da que é autor Julio Catalán Rubinos e que foi galardoada co terceiro premio. Trátase dunha instalación que combina restos de faros traseiros de coche e aramios dispostos sobre a parede para construír una composición que se sitúa entre o accidente e a reconstrución.

O certame inclúe dous accésits para a obra “Hybrid Plant” de Antía Iglesias e “Las partes en las que tengo que plegar un rascacielos” de Mar Soriano.
O xurado desta edición estivo integrado por Xosé Manuel Buxán Bran, decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Uvigo); Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CEGAC); Rosendo Cid, artista e comisario de exposicións; Eva Torres, directora dos espazos expositivos do Concello de Ourense, e Angel Cerviño, artista, escritor e comisario de exposicións. O director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Francisco González, exerceu de secretario.

Ademais dos premios, o certame inclúe unha exposición con 26 traballos seleccionados e a edición dun catálogo, que verán a luz no mes de setembro.

⚙ Configurar cookies
0.14478397369385