A Asociación Amencer presenta a XIII edición do proxecto “Tempo de Troula”

A Asociación Xuvenil Amencer organiza a décimo terceira edición do proxecto “Tempo de Troula”, unha iniciativa lúdico-educativa dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos.
A actividade desenvolverase do 2 ao 20 de xuño, coincidindo co remate das clases en horario de tarde, e ten como obxectivo facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. As actividades terán lugar nas instalacións do colexio salesiano María Auxiliadora de Ourense, de luns a venres, en horario de 15:00 a 17:30 horas.
Desde Amencer explican que este proxecto ofrece unha alternativa de lecer educativo que aproveita os recursos do centro fóra do horario escolar. Ademais, busca educar en valores a través do xogo, potenciar a creatividade, fomentar o traballo en equipo e a participación activa dos menores.
Para a súa realización, contarase cun equipo de animadores e animadoras voluntarios, coordinados por unha responsable do proxecto. Levan todo o mes de maio preparando con ilusión esta proposta que a asociación promove como espazo de aprendizaxe no tempo libre.