A Asociación Cultural Frei Canedo presenta o cartel definitivo do Entroido de Verán
A Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte organiza o sábado 15 de xuño a I edición do Entroido de Verán de Ponte Canedo. Un evento no que se agarda unha afluencia masiva de persoas chegadas de tódolos puntos da cidade e que contará con numerosas actividades ao longo do día, tendo o seu epicentro no campo da feira, que se vestirá de gala para acoller o Entroido de Verán de Frei Canedo.
Dende Frei Canedo explican que esta nova iniciativa está pensada para “impulsar un evento que agardamos teña continuidade no tempo e se converta nun novo referente no barrio da Ponte e na cidade de Ourense”. Tras varios meses de intenso traballo coidando con detalle cada unha das actividades que se organizarán, a asociación cultural presenta o seu programa para o Entroido de Verán.
A Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte anima aos pontinos, pontinas, ourensáns e ourensás a sumarse ao Entroido de Verán e a acudir disfrazados ao mesmo para encher de cor e festa o campo da feira. “Agardamos que esta primeira edición sexa un éxito total e que o barrio da Ponte se converta nun dos referentes dos entroidos de verán a nivel provincial e autonómico”, afirman dende a directiva
Os actos do Entroido de verán comezarán ás 11 da mañá cun pasarrúas polo barrio da Ponte, onde os cofrades e as cofradesas percorrerán as rúas acompañados polo ilustre Frei Canedo e coa actuación musical de Cantares da Cuña, que se encargará de amenizar a mañá. A partir das 12 do mediodía o campo da feira de Ourense converterase no epicentro da festa co inicio da sesión vermú, que contará coa actuación musical do Dúo Millenial.
Posteriormente ás 14 horas dará comezo o xantar popular, cuxos tickets están xa a venda no local da cofradía, en Sers Barber, na Antiga Leitería e na cafetería Don Gaetano. O prezo é de 20 euros no caso do menú de adultos, que está composto por empanada, pementos, churrasco, criollo, postre e auga. Tamén haberá un menú infantil, a prezo de 15 euros e que inclúe croquetas caseiras variadas, pizza de xamón, churrasco ou milanesa de polo, tarta de chocolate e auga. Cabe sinalar que tamén estará habilitado un posto con pulpo e food trucks con máis comidas.
Outro dos pratos fortes do Entroido serán as actividades enfocadas aos máis cativos e cativas. No propio campo da feira instalaranse varios inchables e haberá ademais diferentes obradoiros, xogos e actividades con monitores profesionais, para que os cativos e cativas poidan desfrutar do evento dende as 12 do mediodía ata ás 19 da tarde. Ás 17:00 horas celebrarase a festa da escuma para desfrute das crianzas.
Xa pola tarde, será o turno da xincana para adultos ás 18:00 horas, na que haberá diferentes probas e o gañador será agasallado cun xamón e unha botella de viño. Posteriormente celebrarase un novo pasarrúas para recrutar xente polas rúas do barrio. Para as 20:00 horas está previsto un gran baile de disfraces e posteriormente ás 21:00 celebrarase o concurso de disfraces en modalidade individual e grupal (mínimo 3 persoas). Haberá un xurado que escollerá os gañadores, no caso do concurso individual o premio serán 50 euros e unha gorra oficial, namentres que no caso do grupal serán 100 euros e gorras oficiais de Frei Canedo para todos os participantes. Os interesados en participar no concurso poden inscribirse en freicanedodaponte@hotmail.com
A partir das 22:00 horas comezará a festa DJ a cargo de varios djs coñecidos da cidade e que prolongarán a música e a festa ata que o corpo aguante.
Ao longo de todo o día estará habilitada unha barra de bar xestionada pola cofradía e tamén food trucks para atender as demandas daqueles que desexen acudir ao Entroido de Verán e poder merendar ou cear no propio evento. Destacar tamén que a música non parará en todo o día.