A Asociación de Artesáns de Ourense celebra os Días Europeos da Artesanía con obradoiros abertos ao público

A Asociación de Artesáns de Ourense (ADAO) clausura este domingo 12 de abril a súa programación polos Días Europeos da Artesanía 2026, unha iniciativa que continúa estes días con novas propostas abertas á participación do público.
Ata esa data, a entidade ten previstas once actividades gratuítas dirixidas a achegar diferentes oficios artesanais como a restauración, a bixutería, a olería, a xoiería ou o vidro. Todas elas están impartidas por titulares de obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia.
Entre as actividades xa realizadas inclúense un obradoiro de coiro sustentable, impartido por Luciérnaga coiro, e outro de cerámica a cargo de Mario López, titulado “Kurinuki, moito máis ca un cunco”, desenvolvidos no local da asociación na rúa Colón.
Esta programación forma parte dos Días Europeos da Artesanía, unha conmemoración que se celebra en distintos países co obxectivo de divulgar os oficios artesanais e amosar a súa riqueza e singularidade. En Galicia, a Fundación Artesanía de Galicia apoia estes días 20 iniciativas que suman máis de 100 actividades nas catro provincias, incluíndo demostracións de oficios, obradoiros de iniciación e xornadas de portas abertas.