A asociación de veciñal e cultural O Sarillo de Gomesende conta cun local social totalmente renovado

OurenseXa
A actuación contou cun investimento de arredor de 11.800 euros e permitiu levar a cabo a substitución de portas e fiestras, a modernización dos sanitarios ou melloras no saneamento e accesibilidade
novo-local-social-gomesende
Inauguración do novo Local Social de Gomesende
7 Aug 2025

A asociación de veciñal e cultural O Sarillo de Gomesende conta desde este mércores cun local social renovado grazas ao apoio da Xunta de Galicia a través do Plan específico de acción comunitaria de 2024.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitaron esta mañá o espazo para comprobar de primeira man os traballos executados co financiamento autonómico.

O investimento, de arredor de 11.800 euros, permitiu levar a cabo actuacións como a substitución de portas e fiestras, a modernización dos sanitarios, melloras no saneamento e accesibilidade, así como traballos de adecuación como a renovación do chan ou a pintura exterior. Segundo indicou Natalia Prieto, estas melloras "permitirán reducir o consumo e aforrar custes grazas ás melloras de eficiencia enerxética, así como mellorar a comodidade dos usuarios da asociación veciñal".

Durante a visita, tamén se adiantou que a asociación recibirá un novo apoio económico, de 4.900 euros, para renovar o mobiliario, adquirir equipamento audiovisual, informático e de cafetería.

O Plan específico de acción comunitaria, que conta este ano cun orzamento de 4 millóns de euros —un millón máis que en 2024—, está dirixido a asociacións veciñais, colectivos de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas. Nesta edición, resultaron beneficiarias 391 entidades, o que supón un incremento respecto ás 300 do ano pasado. Tamén se rexistrou un aumento no número de proxectos impulsados, pasando de 341 a 454 actuacións.

Por provincias, a maior parte das entidades beneficiadas sitúanse en Pontevedra (160 entidades e 172 actuacións) e Ourense (99 entidades e 128 proxectos), seguidas de Lugo (72 entidades e 82 actuacións) e A Coruña (60 entidades e 72 proxectos).

Desde a posta en marcha deste plan en 2016, a Xunta leva investidos preto de 26 millóns de euros que fixeron posible máis de 2.000 iniciativas en todo o territorio galego.

⚙ Configurar cookies
0.17295002937317