A Asociación de Veciños de Seixabo organiza este sábado unha xornada para inaugurar o 'Seixalbo Cultural 2025'

OurenseXa
Será no Auditorio de Penouzos e dará comezo a preto dunha trintena de actividades que se estenderán ata o mes de setembro
auditorio-penouzos-seixalbo-cultural
Auditorio de Penouzos
6 Jun 2025

A Asociación de Veciños da Vila de Seixalbo organiza este sábado, 7 de xuño, unha xornada inaugural para presentar oficialmente o Verán Cultural de Seixalbo, que contará este ano con preto dunha trintena de actividades durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro.

A xornada contará coa participación do presidente e da vicepresidenta da asociación, Xosé Carballido e María Nóvoa, e estará amenizada pola música de José Pérez Coya e Manuel Garrido, así como Ico Rafael. Ademais, contará cunha exhibición de Esgrima Histórica da man da Asociación Ourensá de Esgrima Antiga e unha exhibición de Danzas do Mundo coa Escola de Danzas Dantzari.

A programación deste ano comezará o 21 de xuño coa celebración do Día da Rapazada, unha xornada infantil con festa da escuma e xogos tradicionais. O día 21, haberá un xantar de San Xoán e un espectáculo de maxia. O teatro tamén estará presente en xuño cunha representación teatral a cargo da Asociación Cultural Agromadas, o día 27.

O prato forte chega o 28 de xuño coa tradicional Festa dos Foros, que encherá a vila de música e tradición e , para rematar o mes, o Local Veciñal de Abelardo Arce acollerá o acto de entrega do Premio Freire Carril.

Xa en xullo, o venres día 4, terá lugar no Auditorio de Penouzos, ás 22:00 horas, a obra teatral ‘O Florido Pensil’, do Grupo Atruxo, e o 10 de xullo celebrarase unha charla sobre alimentación e saúde no Local Veciñal de Abelardo Arce, organizada polo Centro Cívico da Cuña. A programación de xullo rematará cun obradoiro de esgrima o día 19.

En agosto, chegará o cine ao aire libre para toda a familia no Auditorio de Penouzos, coa colaboración do Clube Padre Feijoo. Haberá, ademais, obradoiros de batucada e esgrima histórica, actividades infantís, un torneo de fútbol e unha exposición que se poderá visitar ata mediados de setembro.
Para rematar o verán, en setembro haberá andainas, xornadas de convivencia, teatro e un concerto de verán que poñerá fin á programación.

⚙ Configurar cookies
0.16454410552979