A Asociación de veciños do Pobo de Loureiro mellora o seu equipamento

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do alcalde de Amoeiro, José Luis González, visitó esta semana o local da ‘Asociación de veciños do Pobo de Loureiro’, no concello de Amoeiro, para supervisar o novo equipamento que esta entidade adquiriu grazas a unha achega de preto de 5.000 euros da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, ao abeiro do plan específico de acción comunitaria destinada a colectivos veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas.
O local desta asociación foi dotado dun ordenador portátil para que os veciños poidan realizar todo tipo de traballos informáticos e imprimir os seus propios documentos; dun televisor para a reprodución de contidos na celebración de reunións ou festas, e de mesas e bancos pregables para a realización de actividades no recinto.
Manuel Pardo lembrou, que no caso da provincia de Ourense, as achegas deste plan no ano 2024 chegaron a un cento de entidades cun investimento de case 789.000 euros e no conxunto de Galicia o orzamento de 3 millóns de euros destinouse a 341 proxectos. Neste sentido, destacou que na convocatoria deste ano a Xunta incrementou a dotación deste plan nun millón de euros para seguir apoiando o papel fundamental que estas entidades xogan na dinamización da vida social e cultural e na mellora da calidade de vida dos veciños.
O representante do Goberno explicou que, como todos os anos, esta nova orde contou con dúas liñas de actuación: unha destinada a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais das asociacións veciñais e de mulleres rurais e para obras nas traídas de auga comunitarias, dotada de 3,4 millóns de euros e outra para a dotación de equipamento para o funcionamento das mesmas e a organización de actividades específica que conta con outros 600.000 euros de orzamento. Tamén subliñou que as contías económicas poden cubrir o 100% do investimento realizado ata un máximo de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 de euros para a dotación de equipamentos.
Manuel Pardo concluíu enmarcando estas iniciativas no compromiso da Xunta co asociacionismo veciñal, como instrumento de dinamización social e cultural no eido local, co obxectivo de apoiar ás asociacións a levar a cabo actividades que repercutan no benestar da cidadanía, como colectivos máis próximos á veciñanza para atender e canalizar as súas demandas.