A Asociación Diabética Auria conmemorará o Día Mundial da Diabetes con actividades de sensibilización

A Asociación Diabética Auria celebrará o vindeiro 14 de novembro o Día Mundial da Diabetes 2025 cunha serie de actividades de concienciación e revisións gratuítas en distintos puntos de Ourense. A xornada comezará coa inauguración das carpas conmemorativas ás 12:00 horas, situadas na rúa do Paseo, fronte ao Centro Cultural “José Ángel Valente”.
Como cada ano, a entidade ofrecerá medicións de glicosa e tensión arterial, ademais de información sobre a enfermidade e a súa prevención. Xunto a ela volverá colaborar A Casa dos Lentes, que realizará controis de tensión ocular.
Unha das principais novidades desta edición será a participación da Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS), que convidará ás persoas asistentes a realizar actividade física mediante un xogo de realidade virtual.
Ademais, a rúa do Paseo acollerá o xogo educativo “O desafío da Diabetes”, un percorrido con 11 preguntas desde a entrada de San Lázaro ata as carpas principais, deseñado para que os participantes aprendan de maneira lúdica sobre a diabetes, a alimentación saudable e a importancia do exercicio físico.
Durante a mañá, a asociación tamén estará presente no Novo Edificio de Hospitalización do CHUO, onde realizará medicións de glicosa e actividades informativas dirixidas a pacientes e profesionais sanitarios.
Como colofón, varios lugares emblemáticos da cidade —a Ponte Romana, a rotonda de Concepción Arenal e a Subdelegación do Goberno— iluminaranse de azul pola noite, tinguiendo Ourense coa cor símbolo da loita contra a diabetes.