A Asociación Diabética Auria organiza unha charla sobre alimentación saudable

OurenseXa
Será o vindeiro martes, 24 de xuño, e require inscrición previa
charla-auria-diabeticos
16 Jun 2025

A Asociación Diabética Auria de Ourense celebrará a vindeira semana dúas iniciativas abertas ao público, unha de carácter educativo e outra benéfica, co obxectivo de continuar sensibilizando sobre a diabetes e fomentar un estilo de vida saudable.

A primeira cita terá lugar o martes 24 de xuño ás 18:30 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Trátase dunha charla centrada na nutrición, dirixida especialmente a persoas adultas e maiores. Será impartida pola nutricionista Cristina Conde, coa colaboración do laboratorio Ibersanté. Durante a sesión abordaranse recomendacións alimentarias con evidencia científica en saúde articular e ósea, así como consellos útiles para previr enfermidades como a artrose ou a artrite reumatoide, e para xestionar a diabetes de xeito consciente a través da alimentación. Ao rematar, as persoas asistentes poderán desfrutar dunha merenda saudable. A actividade é de balde, mais require inscrición previa antes do 23 de xuño por WhatsApp ou teléfono (648 802 361).

Como peche de tempada, Auria celebrará tamén unha gala benéfica o xoves 27 de xuño ás 21:00 horas no Teatro Principal de Ourense. Organizada en colaboración co espazo Sharki, a velada contará con actuacións de danza exótica e números de maxia, presentados por Pablo Estévez Torrado. A recadación destinarase integramente a apoiar as actividades da asociación.

Ambas iniciativas buscan visibilizar o traballo de Auria e fomentar a prevención e o autocuidado na vida cotiá.

⚙ Configurar cookies
0.1761519908905