A Asociación Española Contra o Cancro en Ourense saíu á rúa para concienciar sobre a importancia da investigación

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ourense conmemoro este mércores, 24 de setembro, o Día Mundial da Investigación en Cancro. Con este motivo, en Ourense, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras e Verín instaláronse mesas informativas e muros de mensaxes que recolleron centos de voces e reflexións sobre a importancia da ciencia para o futuro das persoas con cancro.
Estas accións forman parte dun modelo pioneiro de “Patient Advocacy”, no que pacientes, familiares e superviventes participan activamente na avaliación de proxectos de investigación, poñendo ás persoas no centro da ciencia.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, estivo presente na mesa de investigación da AECC, acompañando a profesionais sanitarios, voluntariado, representantes institucionais e membros da Xunta Directiva da asociación.
A AECC agradeceu a implicación de todos os que fixeron posible esta iniciativa, destacando que estas actividades non só achegan a investigación á sociedade, senón que tamén reforzan a colaboración entre ciencia e comunidade.