A Asociación Rebulir convoca en Ramirás o certame IdentificARTE 2025

A Asociación Rebulir, co apoio do programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia, acaba de anunciar a convocatoria da edición 2025 do certame IdentificARTE, unha iniciativa que busca dar visibilidade ao talento creativo da mocidade e da veciñanza da comarca de Terras de Celanova.
Despois do éxito acadado en edicións anteriores, o concurso volve dirixirse a persoas de todas as idades, con dúas categorías principais: a absoluta, para maiores de 12 anos (incluíndo menores de idade que presenten autorización das súas titoras ou titores), e a infantil, para menores de 12 anos.
As propostas poderán presentarse en catro modalidades: fotografía, con imaxes en cor de espazos, paisaxes ou patrimonio da comarca; artes plásticas, como debuxos, pinturas ou deseños gráficos inspirados en Ramirás; literatura, con textos narrativos, poéticos ou ensaísticos relacionados coa zona; e proxectos emprendedores de intervención comunitaria, que abranguen iniciativas socioculturais, educativas ou empresariais vinculadas ao municipio.
O prazo de presentación das obras estará aberto ata o 22 de setembro de 2025 ás 22:00 horas, mediante o correo electrónico rebulir@hotmail.com co asunto “Certame IdentificARTE 2025”.
Os galardóns inclúen tres premios principais na categoría absoluta —con diplomas e obsequios como unha tablet de última xeración, cascos inalámbricos, lotes de libros e pezas de artesanía galega—, así como tres accésits para a categoría infantil, con recoñecementos adaptados ao público máis novo. A entrega terá lugar nun acto público en setembro, onde as persoas gañadoras deberán acreditar a súa identidade.
Segundo a organización, a finalidade é destacar a riqueza cultural, histórica, natural e social de Ramirás e da comarca, promovendo á vez a participación cidadá e a posta en valor das tradicións e costumes locais.