A Asociación Sustinea de Ourense beneficiouse do programa de mobilidade transnacional xuvenil ‘Galicia Moza con Alma’

A Asociación Sustinea de Ourense foi unha das entidades beneficiarias do programa de mobilidade transnacional xuvenil, ‘Galicia Moza con Alma’ da Xunta de Galicia, dirixido ás persoas mozas máis desfavorecidas inscritas e beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil e cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, visitou esta mañá a sede da asociación, onde lembrou que o prazo de solicitudes para beneficiarse desta iniciativa está aberto ata o día 2 de marzo. O obxectivo deste programa, explicou, é outorgar ferramentas ás persoas mozas vulnerables inscritas no SNGX para que se integren na sociedade, accedendo a un emprego ou a unha formación, a través dunha formación personalizada en habilidades e competencias para o emprego; practicas formativas non laborais, titorizadas, de dous a tres meses nun país da UE, e ao seu regreso, o apoio continuado para empregar as novas capacidades adquiridas na busca de emprego ou para seguir estudando.
“Galicia pode estar orgullosa da súa xente nova, pois non só conta cun gran talento, senón tamén é tremendamente xenerosa e solidaria como demostra a súa implicación nestas iniciativas e en tantas outras”, salientou o representante do Goberno galego, que celebroy a participación da mocidade neste programa.
“Esta sociedade máis igualitaria só pode nacer da coeducación dos mozos e mozas, para fomentar a prevención de todo tipo de discriminacións por razón de xénero, e fomentando habilidades necesarias para poder resolver conflitos de forma construtiva e non violenta”, dixo Pardo, insistindo en que “este tipo de iniciativas forman parte da prioridade da Xunta de incrementar as oportunidades laborais das galegas e galegos, sobre todo, daqueles que teñen máis dificultades para acceder ao mercado laboral”.
Pardo aproveitou a visita para agradecer aos representantes de Sustinea a súa labor diaria a prol da concienciación da cidadanía, as organizacións da sociedade, as empresas e as administracións públicas, para acelerar a transición a unha economía verde, inclusiva e responsable, enmarcada na revalorización do capital social.
Sustinea é unha entidade sen ánimo de lucro de ámbito estatal que fixa o Desenvolvemento Sostible como alternativa á degradación natural e como saída ás necesidades locais, e ten como finalidade a protección da Biodiversidade en todas as súas formas, a promoción de alternativas baseadas no Desenvolvemento Sostible, a construción dunha sociedade igualitaria, xusta e solidaria e a promoción da educación integral a todos os niveis e en todos os ámbitos, social, ambiental e cultural.