A Asociación Veciñal San Breixo continúa este domingo coa programación do 'Verán Cultural' de Seixalbo
A Asociación de Veciños San Breixo de Seixalbo vén organizando durante todo o verán unha serie de actividades baixo o título ‘Verán Cultural’, que se estenderán durante este mes de setembro e destinadas a toda a veciñanza.
Para este sábado, a asociación tiña previsto realizar a actividade ‘Convivencia intercultural’, para a que contaba co desprazamento de dous autobuses con arredor de cen convidados de distintos países xuto con outros tantos veciños e veciñas da vila. Sen embargo, debido aos avisos por chuvias para esta fin de semana en toda a provincia, a actividade queda aprazada ata novo aviso, ao igual que a xornada ‘Aprendendo dos Maiores’.
Pola súa banda, a Foliada Veciñal prevista para este domingo, 22 de setembro, mantense en pé. A xornada comezará ás 12.30 horas cunha sesión vermú na que haberá polbo á feira e que contará coa actuación do grupo Cantares da Cunha.
O vindeiro sábado, 28 de setembro, terá lugar o espectáculo ‘Con saias e a rachar’, as 22.00 horas no Auditorio de Penouzos, mentres que o domingo, 29 de setembro, será o día máis completo do que queda deste ‘Verán Cultural’, coa clausura das mostras ‘Rincóns de Seixalbo’ e ‘Caricaturas’, de Guillermo Carro, no local veciñal. Ademais, ese mesmo domingo levarase a cabo a actividade ‘Cicloturismo’, que consistirá nun paseo en bicicleta pola vila de Seixalbo e arredores. Por último, tamén o 29 de setembro, haberá un ‘Concerto de Verán’ da man dos grupos Arredores e Cantigas, que comezará ás 19.30 na Igrexa de San Breixo.