A Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo renova a súa directiva para o período 2026-2030

A Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo celebrou o pasado domingo 8 de marzo de 2026, coincidindo co Día Internacional da Muller, a renovación da súa Xunta Directiva para os próximos catro anos. A única candidatura presentada combina unha parte do equipo anterior con novas incorporacións, creando segundo a nova presidenta, Marisol Delgado, “unha feliz mestura de experiencia e renovación, que permite re-ilusionar ao equipo e tamén á propia comunidade veciñal”.
Marisol Delgado asume a presidencia substituíndo a Xosé Carballido, quen completou os dous mandatos consecutivos que permiten os estatutos da entidade. Na súa despedida, Carballido subliñou a relevancia do relevo feminino. “Recibín hai oito anos este bastón de mando de mans dunha muller, a presidenta María Nóvoa, e entrégollo hoxe a outra muller, a presidenta Marisol Delgado; este é o verdadeiro empoderamento: que a muller asuma o rol que lle corresponde: estas cousas pasan en Seixalbo”, sinalou antes de entregar a Aguillada de Mando á súa sucesora, que a levantou como símbolo de compromiso coa veciñanza.
Ao longo de oito anos, as directivas anteriores lograron dinamizar a vida cultural dunha vila de pouco máis de mil habitantes, impulsando proxectos como a chegada da fibra óptica, a mellora do servizo de transporte público e mesmo colaboracións directas na desinfección de espazos públicos durante a pandemia do Covid, demostrando un compromiso constante coa comunidade.
Na súa primeira intervención pública, Marisol Delgado destacou que os veciños e veciñas son “a prioridade absoluta deste novo equipo, preparado, ilusionado e que demostra con feitos a igualdade real entre mulleres e homes desde a súa composición paritaria ata o seu compromiso no día a día”. A presidenta recoñeceu tamén que a decisión de presentarse non foi inmediata. “Tras uns momentos de dúbida de presentar candidatura, tivemos un punto de inflexión no que a alternativa era: ou nos presentamos conxuntamente ou pechamos a porta. Decidimos dar un paso adiante, e hoxe teño un ‘subidón’: estas novas incorporacións creo que van a aportar moitísimo, de feito, esta ilusión que xa están aportando, faime crer que o vamos a facer ben”.
A pesar de presentarse unha única candidatura e non ser necesario un referendo complexo, o 60% das persoas con dereito a voto participaron nas eleccións, amosando un apoio maioritario ao seguinte equipo directivo: a presidencia asumida por Marisol Delgado Rodríguez, Manuel Garrido Grande como vicepresidente, Xosé Carballido Presas como secretario e María Nóvoa Gómez como tesoureira completan a parte principal, acompañados de María Jesús Abreu Fajardo, Gloria Viana Rivera e unha serie de vogais que reforzan a continuidade e renovación da entidade veciñal.