A Asociación Xuvenil Amencer presenta a décima novena edición das ”Mañás de verán”

OurenseXa
As actividades desenvolveranse entre os meses de xuño e xullo e estarán destinadas a nenos e nenas de entre 3 e 14 anos
campamentos-amencer
Campamentos
29 Maio 2024

Dende o luns 24 de xuño ata o venres 26 de xullo, Amencer, porá en marcha a décima novena edición da actividade de verán denominada ”Mañás de verán”, que terá como destinatarios ós rapaces/zas dende os 3 ate os 14 anos de idade, e que durará cinco semanas. O prazo de inscrición está xa aberto, tendo prazas limitadas.

Este proxecto xorde como resposta ante a necesidade de conciliación da vida laboral e familiar, de que a rapazada destas idades tiveran unha oportunidade de ocupar o seu tempo libre dunha maneira lúdica e educativa, agora que remataron as clases e dispoñen de máis tempo libre pola mañá.

Este proxecto desenvolverase durante a última semana do mes de xuño e as catro semanas primeiras do mes de xullo, de luns a venres, en horario de mañá, de 09:00 a 14:00 horas, e o lugar onde se desenvolverán as actividades será nas instalacións do colexio salesiano María Auxiliadora de Ourense. Ademais, ante a demanda dalgunhas familias, a asociación retoma o servizo opcional de 7:45 a 9.00 horas e o do comedor/friameira de 14.00 a 15:15 horas.

Os obxectivos que a asociación se marca con este proxecto son educar a través do xogo, favorecer a creatividade dos participantes, propiciar a participación e o traballo en equipo, e poder seguir empregando as instalacións do colexio fóra do horario escolar.

O tipo de actividades que se levarán a cabo durante estes días serán, entre outras, obradoiros, actividades de animación á lectura, saídas aos parques da cidade, piscina, xincana de auga, deportes, xogos musicais, educación emocional e actividades lúdicas en inglés, entre outras.

0.17519903182983