A Asociciación Cultural Rebulir entregou os Premios Rebulir da Cultura Galega

A Asociciación Cultural Rebulir entregou este venres os Premios Rebulir da Cultura Galega na tradicional galade clausura do Festival Internacional Rebulir 2025, xa consolidada como referente na defensa e promoción da cultura galega desde o ámbito local e rural. Nesta edición foron recoñecidos Malvela, Cristina Castaño e Luar, así como a emigración galega no País Vasco a través do premio “Rogelio García Yáñez”.
No acto participou o presidente da Deputación de Ournese, Luis Menor, que destacou o papel da cultura como elemento clave para o desenvolvemento do territorio, especialmente no rural ourensán. Durante a súa intervención subliñou que “a cultura é identidade, memoria colectiva e tamén futuro”, e destacou a capacidade de iniciativas como Rebulir para dinamizar social e economicamente o territorio a través da creatividade, da lingua e das tradicións propias.
Así mesmo, salientou o labor da Asociación Cultural Rebulir, á que definiu como “un exemplo de compromiso, constancia e amor pola cultura galega”, agradecendo a súa traxectoria na organización dun certame que non só recoñece traxectorias e proxectos culturais, senón que tamén xera comunidade e orgullo de pertenza. O presidente reafirmou tamén o compromiso da Deputación de Ourense coa cultura “feita dende abaixo”, lembrando o apoio da institución provincial a iniciativas culturais que nacen no territorio e que contribúen a fixar poboación, fortalecer a identidade e proxectar Ourense cara o exterior.
Menor aproveitou tamém para felicitar ás persoas e entidades galardoadas nesta edición, destacando a súa achega á cultura galega en ámbitos como a música, a investigación, a creación artística, a comunicación ou a preservación do patrimonio inmaterial. “A cultura non entende de periferias cando hai talento, compromiso e institucións que acompañan”, sinalou, incidindo na importancia de seguir traballando de maneira conxunta entre administracións, tecido asociativo e creadores para garantir o relevo xeracional e a continuidade de proxectos culturais a longo prazo.
Pola súa banda, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou tamén na gala e foi o encargado de outorgar a Mención Honorífica “Rogelio García Yáñez” á emigración galega en Euskadi. O galardón foi recollido por Mónica Calvo, presidenta da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi e do Centro Galego de Álava.
Miranda destacou a significativa contribución da comunidade galega no País Vasco ao longo das últimas décadas e puxo de manifesto que este Premio Rebulir non só recoñece o esforzo e sacrificio da emigración galega, senón tamén o seu labor de difusión e posta en valor da cultura galega fóra de Galicia. A Irmandade de Centros Galegos en Euskadi aglutina unha decena de entidades galegas nunha comunidade autónoma na que viven preto de 42.000 persoas nacidas en Galicia.
A gala dos Premios Rebulir volveu converter Ramirás nun punto de encontro da cultura galega contemporánea, reafirmando o valor do rural como espazo vivo de creación e transmisión cultural.