A Biblioteca de Maceda convida a pasar unha mañá de diversión co xogo do UNO

O Concello de Maceda continúa apostando polo lecer participativo coa organización dunha actividade aberta para todas as idades: unha sesión do popular xogo de cartas UNO, que terá lugar este mércores 30 de xullo ás 11.00 horas nas instalacións da biblioteca municipal.
A proposta, completamente gratuíta e sen necesidade de inscrición previa, está pensada tanto para nenos e nenas como para persoas adultas. Poderase participar de forma individual ou en grupo, sexa con amizades, en familia ou simplemente con ganas de pasar un bo rato.
Durante a sesión, as persoas asistentes terán ocasión de gozar dunha partida chea de xiros inesperados, estratexias de última hora e moita emoción, nun ambiente relaxado e con espírito lúdico.
Desde o Concello animan á veciñanza a achegarse e a deixarse levar pola espontaneidade deste clásico moderno: “Pasarémolo en grande entre risas, cores, e moitos ‘¡UNO!’ de última hora. ¿Serás ti quen se libre de todas as cartas primeiro?”