A biblioteca de Xunqueira de Ambía celebrou o seu 60 aniversario

O acto, promovido polo BNG, puxo en valor a figura de Celsa García Gómez, referente deste centro durante máis de catro décadas
aniversario-biblioteca-xunqueira-de-ambia
28 Sep 2025

O BNG de Xunqueira de Ambía organizou este mes de setembro un acto simbólico para conmemorar o 60 aniversario da Biblioteca Pública local, lembrando os oríxenes humildes da institución e, sobre todo, a figura de quen durante máis de catro décadas foi o seu gran referente: Celsa García Gómez.

A biblioteca abriu as súas portas en 1964 nun espazo provisional cedido no palacio dos curas, con entrada improvisada a través dunha xanela. Desde entón, lembraron desde o BNG, o centro foi medrando en fondos e en relevancia social, ata consolidarse como un espazo fundamental de formación, cultura e convivencia para varias xeracións de veciños.

Neste percorrido, as nacionalistas quixeron poñer en valor a labor das persoas que impulsaron o proxecto desde os seus inicios, con mención especial a Celsa García, quen converteu a biblioteca “nunha cousa máis que un edificio con libros: un lugar vivo, de encontro e de comunidade”, pero tamén a Manuel Pérez e o seu fillo José Luis Pérez Márquez, coñecidos como Calvellano pai e fillo polos seus labores tanto na biblioteca como no Concello, que foron os primeiros en encargarse da biblioteca.

“Non foi un acto como o que imaxinabamos nin o que a biblioteca merece”, lamentou o BNG, que insiste en que “non podiamos deixar pasar a ocasión de agradecer ás bibliotecarias o seu papel esencial”.

Xa o pasado mes de xuño, o BNG presentou no pleno municipal unha moción para que a biblioteca levase o nome de Celsa García Gómez, como recoñecemento á súa traxectoria. A iniciativa, rexistrada a finais de 2024, foi rexeitada cos votos en contra do grupo de goberno, asegurando que “o cambio non era posible”, aínda que o propio alcalde expresaba públicamente o seu agradecemento pola labor da veciña homenaxeada.

Con este aniversario, o BNG quixo reiterar o seu compromiso cos servizos culturais públicos e coa necesidade de “coidar e valorar” unha biblioteca que, aseguran, “segue sendo símbolo de educación, convivencia e futuro para o municipio”, e coa figura de Celsa, motor do lugar durante máis de 40 anos.

⚙ Configurar cookies
0.13912391662598