A Biblioteca Municipal da Ponte acolle este martes a primeira das actividades do programa ‘Ler conta moito’

O Concello de Ourense, en colaboración co programa ‘Ler conta moito’ da Xunta de Galicia, pon en marcha un novo ciclo de contacontos pensado para os máis pequenos.
A primeira cita será este martes, 8 de xullo, na Biblioteca da Ponte ás 11:00 horas coa obra ‘O Grúfalo’, que representará Carmen Domech. O ciclo continuará o xoves día 10 de xullo na biblioteca de San Francisco coa proposta ‘Pequeno cabaret infantil’, a cargo de Nelson Quinteiro, cun pase de 11.00 a 11.50 horas.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición presencialmente nas bibliotecas municipais ou ben chamando por teléfono.
Este programa de contacontos prolongarase durante os meses de xullo e agosto e chegará ás tres bibliotecas municipais do Concello de Ourense, co obxectivo de achegar a lectura á infancia dun xeito lúdico e participativo.