A Biblioteca Nós amosa máis de 50 pezas elaboradas polo alumnado do Obradoiro de Tear do CCP Xaquín Lorenzo

A Biblioteca Nós acolle desde hoxe unha mostra cos traballos realizados polo alumnado do Obradoiro de Tear do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense. A exposición reúne máis de 50 pezas confeccionadas con técnicas tradicionais baixo a dirección da artesá Concha Outeiriño, e poderá visitarse ata o 22 de novembro.
O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, participou na inauguración da mostra, onde salientou que “da boa mostra da calidade formativa que ofrece este Obradoiro, ao tempo que pon en valor a tradición e a historia galegas a través dos teares que empregan os alumnos para realizar o seu traballo”. No acto tamén estiveron presentes a directora da Biblioteca, Rosa Mª Díaz, a instrutora do obradoiro e varios dos alumnos participantes.
O Obradoiro de Tear, que se celebra anualmente desde o 2005, ten como obxectivo formar o alumnado no manexo de teares artesanais e na elaboración de tecidos tradicionais. Moitos dos materiais creados durante o curso son empregados pola Escola Provincial de Danza Castro Floxo para reproducir a indumentaria tradicional galega utilizada en exposicións e representacións. Ademais, o programa promove a innovación, permitindo a creación de pezas contemporáneas inspiradas en técnicas e modelos históricos.
Entre as obras expostas inclúense gaitas e borlas de gaita, faixas, chalecos, saias, panos, chales, fulares, colchas, coxíns, alfombras, bolsos, mantelerías e cortinas, elaboradas con distintos tipos de punto como damasco, tafetán, sarga, gorullo ou panamá. Cada unha delas reflicte a destreza adquirida polos participantes tras os catro anos de formación que ofrece o Obradoiro de Teares.