A Biblioteca Nós despedirá a exposición de teares tradicionais este venres cunha xornada a cargo de Concha Outeiriño

O próximo venres 21 de novembro, a Biblioteca Pública de Ourense celebrará unha pequena festa de despedida da Exposición do Obradoiro de teares tradicionais. Entre as 16:00 e as 17:00 horas, Concha Outeiriño, mestra de teares, ofrecerá unha explicación sobre o traballo cun tear tradicional.
Ás 18:00 horas, os nenos e nenas da agrupación folclórica Castro Floxo protagonizarán un baile, acompañados polo grupo de gaitas e pandeiretas da mesma agrupación.
A mostra recolle máis de 50 pezas confeccionadas con técnicas tradicionais por parte do alumnado do Obradoiro de Tear do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense baixo a dirección da artesá Concha Outeiriño.
O Obradoiro de Tear, que se celebra anualmente desde o 2005, ten como obxectivo formar o alumnado no manexo de teares artesanais e na elaboración de tecidos tradicionais. Moitos dos materiais creados durante o curso son empregados pola Escola Provincial de Danza Castro Floxo para reproducir a indumentaria tradicional galega utilizada en exposicións e representacións. Ademais, o programa promove a innovación, permitindo a creación de pezas contemporáneas inspiradas en técnicas e modelos históricos.
Entre as obras expostas inclúense gaitas e borlas de gaita, faixas, chalecos, saias, panos, chales, fulares, colchas, coxíns, alfombras, bolsos, mantelerías e cortinas, elaboradas con distintos tipos de punto como damasco, tafetán, sarga, gorullo ou panamá. Cada unha delas reflicte a destreza adquirida polos participantes tras os catro anos de formación que ofrece o Obradoiro de Teares.