A Biblioteca Nós festexa o Día das Bibliotecas cunha exposición
A Biblioteca Pública Nós, de Ourense celebra o Día das Bibliotecas, este xoves, 24 de outubro, cun espectáculo de narración oral e unha exposición, que se suman á trintena de actividades programadas no resto das entidades galegas organizadas pola Xunta de Galicia.
Deste xeito, o centro que se atopa na cidade de Ourense, ofrecerá este xoves aos máis cativos da casa o contacontos para bebés, Os mundos de Porquiño, con dúas sesións, ás 18.00 horas e ás 18.45 horas. No que se refire á programación de mostras bibliográficas, esta entidade acollerá na súa sede, 'As bibliotecas nos libros', na que se amosan unha selección de obras nas que se fala sobre estes centros de préstamo de libros, e que estará aberta ao público ata o vindeiro 31 de outubro.
Hábitos lectores da poboación galega
O deseño destas actividades enmárcase no traballo do Goberno galego para colaborar e apoiar actividades que fomenten o hábito lector na cidadanía. Neste senso, cómpre destacar que en 2022 a lectura foi o terceiro hábito cultural máis frecuente en Galicia, ocupando o 63,9% da poboación, por detrás de escoitar música e ver televisión. Ademais, a porcentaxe actual de persoas lectoras entre a xente de 14 ou máis anos sitúase no 96,9%, indicador que alude a aquelas persoas que len algún tipo de material, en calquera formato ou soporte polo menos unha vez ao trimestre.
En canto á lectura de libros, se atendemos a razóns de ocio, o 62,9% dos galegos le libros no seu tempo libre, é dicir, sen contar razóns de estudo ou traballo, polo menos unha vez ao trimestre e un 52,4% un mínimo dunha vez á semana. En canto á lingua, o 61,2% dos lectores maiores de 14 anos len en galego ben sexa de maneira habitual ou ocasionalmente.