A Biblioteca Nós inaugura unha exposición de Moxóm con obras de distintas etapas

A Biblioteca Nós de Ourense inaugurou onte luns a exposición Cousas miñas, dedicada ao creador ourensán Xosé Manuel Rodríguez Mojón, Moxóm. A mostra, que poderá visitarse no vestíbulo ata o 10 de xaneiro, reúne unha selección de pezas de diferentes épocas, así como obras inéditas preparadas especificamente para esta ocasión.
Moxóm, nacido en Ourense en 1964, leva máis de tres décadas traballando a madeira de forma autodidacta. O artista recolle os materiais en encoros, camiños e leiras de toda Galicia, dándolles unha nova vida a pezas que inicialmente eran refugallos. Ao longo da súa traxectoria realizou arredor de 84 exposicións en Galicia, Castela e León, Portugal e Madrid, e leva creadas xa preto de 3.000 obras.
A exposición inclúe principalmente esculturas en madeira, aínda que tamén incorpora traballos menos coñecidos en cartón e outros materiais, froito da experimentación. Ademais, o público poderá ver ilustracións e pequenos bosquexos que lembran a relación do autor co mundo da banda deseñada.