A Biblioteca Pública de Ourense Nós celebra o Día das Letras Galegas con música e obradoiros

A Biblioteca Pública de Ourense organiza dúas actividades especiais con motivo do Día das Letras Galegas, centradas na música tradicional e no papel da voz como ferramenta expresiva.
O martes 20 de maio, ás 19:00 horas, terá lugar a sesión “A tradición de cantar. A voz das mulleres como ferramenta expresiva”, con Cristina Asenjo e Lucía da Fonte. A actividade inclúe unha charla e un obradoiro participativo sobre educación vocal, que rematará cunha mostra de cantigas populares acompañadas de pandeireta e acordeón. Está dirixida a persoas maiores de 14 anos. As inscricións ábrense o venres 16 a partir das 9:00 horas, nos teléfonos 988 788 385 / 86.
O sábado 24 de maio, ás 12:00 horas, será a quenda de “Troupelear e o Proxecto Consonante”, unha proposta de Blanca Villares e Pablo Pintor. Trátase dun concerto didáctico pensado para gozar e entender a música tradicional en familia. A actividade está dirixida a público familiar, con nenas e nenos maiores de 6 anos. As inscricións tamén se abren o venres 16 ás 9:00 horas, nos mesmos teléfonos.
Ambas iniciativas buscan achegar o patrimonio musical galego ao público e fomentar a participación activa a través de experiencias interactivas.