A Biblioteca Pública Nós presenta un mes de outubro cargado de actividades

A Biblioteca Pública de Ourense Nós arrinca outubro cun amplo programa cultural que combina exposicións, mostras temáticas e actividades puntuais para todas as idades. Durante este mes, a biblioteca conmemorará o Día das Bibliotecas, homenaxeará ás mulleres escritoras, achegará ao público a cultura tradicional galega e manterá a súa programación dedicada á difusión da cultura e da situación do pobo palestino.
Entre as exposicións programadas destaca unha mostra de teares tradicionais organizada polo Colectivo Castro Floxo, na que se presentan os teares e obxectos empregados para confeccionar tecidos que forman parte do traxe tradicional galego. A exposición estará aberta no vestíbulo da biblioteca ata novembro. Así mesmo, poderase visitar a exposición de pintura de María del Carmen Barreiro Fernández no primeiro andar da biblioteca durante todo o mes.
En canto ás mostras bibliográficas, a biblioteca participará un ano máis na Semana dos Libros Perigosos, centrada este ano na ciencia ficción, un xénero a miúdo cuestionado pero que se empregou historicamente como medio de denuncia social. A sala infantil propón a mostra “Outono. Apaga as pantallas. Mira arredor”, con libros seleccionados para despertar a curiosidade da rapazada nesta nova estación. Ademais, a biblioteca continúa coa programación “Palestina. Paremos o xenocidio”, que inclúe cine, novelas e documentos que achegan á cidadanía a cultura e situación deste territorio.
Entre as actividades puntuais para adultos destacan os roteiros culturais “Redescubrindo Ourense”, que permitirán coñecer a historia da cidade e o seu patrimonio a través de rutas polo casco histórico, os recursos termais e os enclaves que inspiraron a obra de Eduardo Blanco Amor, en especial a novela A Esmorga.
Para os máis pequenos, a biblioteca ofrece unha programación variada que inclúe obradoiros de animación á lectura, contacontos, actividades de xogo e espectáculos en familia. Entre eles, o espectáculo Redondo con Caramuxo, unha proposta visual que xoga coas formas e obxectos redondos, e obradoiros como Se foses escritora… ou Xogando a combinar as letras de BIBLIOTECA, que buscan estimular a creatividade e a imaxinación.
Ademais, continúan as actividades continuadas para maiores de 14 anos, que inclúen cursos e clubs de lectura, escritura creativa, cine e xogos de mesa, pensados para distintos intereses e niveis, sempre con inscrición previa.