A Cabalgata de Reis de Ourense sairá o luns ás 18.00 h da estación e poderá seguirse en directo pola app municipal

Ourense celebrará o luns 5 de xaneiro unha das citas centrais do Nadal coa Gran Cabalgata de Reis, que este ano contará cun operativo específico de seguridade, accesibilidade e apoio tecnolóxico para facilitar o desfrute das familias.
Segundo informa o Concello, Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán en tren á estación da Ponte e, pouco antes das 17.45 h, sairán ao exterior para saudar a rapazada e montar nos camelos. A comitiva iniciará o desfile ás 18.00 h dende a estación e continuará por Eulogio Gómez Franqueira, avenida das Caldas, Ponte Romana, rúa do Progreso e Doutor Marañón, ata rematar na Praza Maior. No tramo final (Doutor Marañón e Praza Maior) só accederán figurantes a pé, polo que non entrarán carrozas nin vehículos, incluído o dos bombeiros.
En materia de atención e prevención, o dispositivo contará con tres puntos fixos de asistencia médica (inicio da avenida de Marín, Praza de Concepción Arenal e rúa Parada Justel) e habilitará tres zonas reservadas para persoas con mobilidade reducida: na estación, na contorna dos antigos xulgados e na Alameda.
O Concello lembra tamén unha medida concreta por seguridade: queda prohibido utilizar paraugas colocados do revés para recoller caramelos.
Como novidade práctica para a cidadanía, a cabalgata irá xeolocalizada en tempo real e poderá seguirse a través da app do Concello de Ourense, que mostrará a posición da comitiva para axudar a planificar onde agardar.