A campaña 'Ourense sobre rODaS' pon fin tras achegar os ODS a 12 concellos da provincia
Na mañá de hoxe, a capital ourensá foi escenario do fin da campaña de comunicación e difusión do OU DS A2030, proxecto impulsado pola institución provincial para lograr a implantación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en entidades locais da provincia. A iniciativa contou cun investimento total de 183.172,46 euros, dos cales 159.135,88 euros están financiados polo Ministerio de Dereitos sociais e A2030, a través da candidatura presentada pola Deputación de Ourense e aprobada en maio.
'Ourense sobre rODaS' deu a coñecer o proxecto e os 17 ODS nun expositor situado na rúa do Paseo. Neste espazo, convidábase á poboación ourensá a reflexionar sobre o papel que todos xogamos na sustentabilidade local. Os principais impulsores técnicos e políticos do proxecto visitaron a caseta, entre eles o deputado de Innovación, Desenvolvemento Sostible e Axenda 2030, Jorge Pumar, que destacou “o esforzo que supuxo este proxecto para a institución provincial, executado nun tempo récord, e co que se visitaron 12 concellos e 18 centros educativos en setembro e outubro”. Lembrou tamén que nos meses previos, traballouse internamente e en cooperación con 27 concellos para a realización das Axendas 2030.
O venres, no CEIP Padre Feijoo de Allariz, terá lugar a última visita a centros educativos da provincia, e o 5 de novembro, está prevista a celebración do evento final do proxecto, que terá lugar no salón de plenos do Pazo Provincial e ao que estarán convidados todos os alcaldes e técnicos implicados no OU DS A2030.