A Carreira Popular San Silvestre de Ourense cumpre 10 anos

OurenseXa
As inscricións para a carreira absoluta están abertas ata o 28 de decembro
san-silvestre-ourense
2 Dec 2025

Ourense despedirá o ano cunha nova edición da Carreira Popular San Silvestre Ourensá, que se celebrará o mércores 31 de decembro pola tarde polas rúas do centro da cidade. A décima edición desta carreira, organizada polo Consello Municipal de Deportes e o Club Ourense Atletismo coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, foi presentada esta mañá no salón de plenos do Concello.

No acto participaron Aníbal Pereira, presidente do Consello Municipal de Deportes, Noa Rouco, concelleira de Artes e Festexos,Óscar Seoane, presidente do Club Ourense Atletismo, Jorge Pumar, deputado provincial, e Carlos Bericat, coordinador de deporte escolar da Xunta en Ourense.

A proba contará con tres categorías: Pitufos (16:00 horas), Sub10, Sub12 e Sub14 (16:15 horas), e Absoluta (16:30 horas), con saída desde a rúa do Paseo, xunto á Subdelegación de Defensa. Ademais, un autobús musical animará o inicio da carreira e as luces da rúa do Paseo estarán acendidas durante o percorrido para crear ambiente festivo.

As inscricións para a carreira absoluta están abertas ata o 28 de decembro na plataforma https://www.carreirasgalegas.com, cun custo de 5 euros ata o 7 de decembro e 7 euros posteriormente.

Óscar Seoane destacou que “será unha boa despedida do ano para entrar con enerxía no ano novo”, e subliñou que a proba non só atrae atletas, senón tamén familias que queren “despedir o ano con moitas ilusións e entrar con forzas renovadas no seguinte”.

A carreira é xa un clásico do Nadal na cidade, e conta cunha participación de arredor de 1.600 persoas cada ano. “Xuntar esa cifra nunha proba é importantísimo, e creo que seguirá crecendo”, destacou o presidente do Consello Municipal de Deportes.

⚙ Configurar cookies
0.081057071685791