A Casa da Cultura de Allariz inaugura a mostra 'Fauna Esencial'

OurenseXa
A mostra, exposta grazas a un convenio asignado entre o Concello de Allariz e Afundación, estará aberta ao público ata o 25 de outubro
Inauguración da mostra 'Fauna Esencial' en Allariz
25 sep 2024

A Casa da Cultura de Allariz acolle a exposición de fotografías de gran formato 'Fauna esencial', un percorrido pola beleza e a fraxilidade das especies máis representativas da nosa contorna natural, unha iniciativa posible grazas á colaboración entre o Concello de Allariz, ABANCA e Afundación. O acto de inauguración tivo lugar esta mañá e contou coa asistencia da alcaldesa do Concello de Allariz, Cristina Cid Fernández, a directora de zona de ABANCA, Rosana Neira Rodríguez, e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano. Esta mostra, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar ata o 25 de outubro, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.30 horas.

Esta exposición é parte do proxecto 'Corrente cultural', que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

Afundación, a Obra Social de ABANCA, propón esta exposición como un chamamento á acción e á reflexión para por en valor a diversidade dos animais salvaxes, recoñecer a súa importancia para a sostibilidade do noso planeta e asumir a responsabilidade da súa conservación. Nun mundo cada vez máis consciente da necesidade de preservar o medio ambiente, 'Fauna esencial' inspíranos a valorar e respectar as especies do noso medio, garantindo así un futuro máis harmonioso e equilibrado para todas as formas de vida na Terra.

A exposición 'Fauna esencial' é unha viaxe enriquecedora pola diversidade da nosa fauna. Está formada por 28 fotografías de gran formato realizadas polo naturalista Ezequiel Martínez, fotógrafo especializado en retratos naturais que colabora con numerosas publicacións especializadas. As imaxes van acompañadas de textos explicativos que recollen as características biolóxicas, do seu hábitat, costumes, alimentación, distribución xeográfica e os perigos aos que se enfrontan para a súa supervivencia. Para a súa elaboración participaron especialistas do Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación, Naturnova, que elaboraron unha información que comparte rigor e espírito divulgativo, accesible a todos os públicos.

Unha exposición con grandes retratos en primeiro plano dalgunhas das especies máis significativas da Península Ibérica coma o oso pardo, a cegoña, o voitre leonado, o gamo, o cervo, a curuxa e a aguia imperial.

0.11367201805115