A Casa dos Poetas acollerá este venres un encontro literario con Anxo Angueira arredor da poesía de Méndez Ferrín
A Casa dos Poetas de Celanova acolle o venres, 18 de outubro de 2024, ás 19.00 horas un encontro literario con Anxo Angueira arredor da poesía de Xosé Luís Méndez Ferrín. O acto, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, contará coa intervención de Xoán Carlos Domínguez Alberte e nel poderase adquirir o volume de “Poesía reunida” de X.L. Méndez Ferrín elaborado polo propio Angueira.
Pola súa banda, o sábado 19 de outubro ás 12.00, a Casa dos Poetas acollerá tamén a presentación do libro de relatos “Querida Arcea” de Felín Romero. Retomando así de novo o ritmo anterior ó verán na presentación das novidades editoriais relacionadas en especial coa vila de Celanova, ben por ser autores da vila ou por ter algunha relación persoal ou profesional con esta comarca como é o caso dos dous autores que nos acompañarán este mes na casa familiar de Curros Enríquez.