A Casa dos Poetas acollerá unha charla sobre a Tabula Hospitalis de Castromao

O próximo mércores 19 de novembro ás 19:30 horas, a Fundación Curros Enríquez organiza na Casa dos Poetas a conferencia titulada ‘A Tabula Hospitalis de Castromao’, que será impartida por Eduardo Breogán Nieto Muñiz con motivo do 55º aniversario do achado deste importante documento.
Ademais, ese mesmo día ás 12:00 horas, o alumnado do IES Celso Emilio Ferreiro realizará a presentación da Tabula, que estará exposta no centro educativo.
A Tabula Hospitalis é un documento de gran relevancia para o estudo da organización social e do proceso de romanización no noroeste peninsular. Este documento certifica un acordo de amizade entre a tribo dos Coelerni e un individuo chamado G. Antonius Aquilus, coa presenza do notario Publio Campanio Gémino. A tabula data do ano 132 d.C., data que se confirma grazas aos nomes dos cónsules romanos mencionados no texto. A Tabula Hospitalis tamén permitiu localizar a capital dos Coelerni, Coeliobriga, dentro do castro de Castromao, achegando importantes datos históricos e arqueolóxicos sobre a época.