A Casa dos Poetas de Celanova inicia o programa de novembro cunha homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

OurenseXa
Será este venres, 7 de novembro, cunha conferencia a cargo de Xosé María Álvarez Cáccamo
celso-emilio-ferreiro
Imaxe de Celso Emilio Ferreiro
5 Nov 2025

Este venres 7 de novembro ás 19:30 horas, a Casa dos Poetas acollerá a conferencia titulada ‘Lectura do mundo en Celanova. Poemas de Celso Emilio’, impartida por Xosé María Álvarez Cáccamo.

A actividade marca o inicio do calendario cultural de novembro neste espazo dedicado á poesía e á literatura. Ese mesmo día clausurarase a exposición Criptografías, que desde agosto ocupa o segundo andar da casa familiar do poeta Manuel Curros Enríquez. A mostra é froito do traballo conxunto de varios autores, entre eles Xosé María Álvarez Cáccamo e Baldo Ramos.

Este evento enmárcase na conmemoración do 50º aniversario da publicación de Onde o mundo chámase Celanova, unha obra fundamental de Celso Emilio Ferreiro, que se editou por primeira vez en 1975. Cáccamo, que participou na reedición desta obra en 1991, mantén así viva a memoria do poeta galego.

A programación deste mes na Casa dos Poetas continuará o 13 de novembro coa presentación do libro ‘O proceso. Apaga o candil’, de Cándido Pazó, que tamén estreou en Celanova coa Compañía Malasombra unha adaptación teatral sobre o xuízo a Manuel Curros Enríquez. O mes pecharase coa presentación de ‘O país dos mil viños’, obra de Martiño Santos, Xosé Gontán e Toño Núñez, o 28 de novembro, ambas actividades programadas para as 19:30 horas.

⚙ Configurar cookies
0.07302713394165