A Casa dos Poetas de Celanova pechou este sábado o seu ciclo de actividades culturais de 2025

A Casa dos Poetas de Celanova, xestionada pola Fundación Curros Enríquez, puxo este sábado o broche final á súa programación cultural de 2025 cunha xornada que combinou literatura e cinema.
Ao mediodía tivo lugar a presentación do libro Andares y sentires. Voces en diáspora, unha obra colectiva que reúne poemas de 27 escritores venezolanos residentes fóra do seu país. O acto estivo conducido por Rosa Trujillo e contou coa participación musical do grupo Voces al sol, pertencente á Asociación Cantaclaro de Galicia, que acompañou a presentación cunha actuación en directo.
Xa pola tarde, a actividade trasladouse á Sala da Lareira, onde se celebrou a proxección de Curtas para o día máis curto. O público puido gozar dunha selección de curtametraxes que foran recoñecidas ou nomeadas en distintas edicións dos Premios Goya.