A Casa dos Poetas inaugurará este venres unha exposición dos poetas Baldo Ramos e Pepe Cáccamo

A Casa dos Poetas de Celanova inaugura este venres 8 de agosto, ás 20:00 horas, unha exposición que recolle parte do traballo conxunto dos poetas Baldo Ramos e Pepe Cáccamo no ámbito da poesía visual e discursiva
A mostra, que leva por título 'Criptografías', incluirá a presentación do libro homónimo publicado por Alvarellos Editora, no que ambos autores colaboraron. Durante o acto, recitaranse algúns dos criptopoemas recollidos na obra e exhibiranse 14 pezas orixinais que forman parte dela.
Ademais, a exposición inclúe 10 libros de artista e libros-obxecto elaborados especialmente para esta ocasión. Estas novas creacións dialogan coa memoria e os versos de Celso Emilio Ferreiro, figura literaria cunha forte ligazón persoal co poeta Pepe Cáccamo.
A colaboración entre Cáccamo e Ramos remóntase a hai máis dunha década, cun punto de partida simbólico: a gravación dun documental conmemorativo do centenario de Celso Emilio no cemiterio de San Breixo, momento que marcou o inicio da súa relación creativa.
Baldo Ramos, que recentemente se incorporou ao padroado da Fundación Curros Enríquez, destacou a importancia persoal deste reencontro coa vila: "Estarei encantado de vervos unha vez máis na Casa dos Poetas, nesa rúa na que empecei a escribir cando tiña 17 anos, naquel tempo afastado no que vivín entre as casas de Curros e Celso Emilio".
A exposición permanecerá aberta ata o 30 de setembro e poderá visitarse de martes a sábado, agás festivos, no horario habitual da Casa dos Poetas.