A Casa dos Poetas pecha o ano coa exposición ‘Música para tus ojos’

A Casa dos Poetas de Celanova acolle do 2 ao 20 de decembro a exposición fotográfica "Música para tus ojos", que pon en valor o irmandamento entre as localidades de Celanova e Guadix, a piques de cumprir o seu 20º aniversario en 2026.
Desde hai 15 anos, os fotógrafos Antonio Piñeiro, de Celanova, e Torcuato Fandila, de Guadix, organizan anualmente unha mostra que reflicte aspectos que unen ambas poboacións, a pesar da distancia que as separa. Nesta ocasión, a temática escollida é a música, mostrando a súa importancia e presenza na vida e historia dos dous municipios.
A exposición poderá visitarse de martes a sábado (agás festivos) en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00.
As imaxes recollen desde a iconografía de edificios históricos relacionados coa música, ata agrupacións musicais, bandas e expresións da música popular nas dúas localidades. Algunhas fotografías non están identificadas, convidando ao visitante a descubrir a cal das dúas localidades pertencen.
Entre as imaxes de Celanova destacan momentos como a orixe do festival Hércules Brass, o concerto de Carlos Núñez que reuniu a 1.200 persoas na igrexa durante o Ano Xubilar de San Rosendo, ou unha das poucas fotos do grupo Os Maravillas con Áurea, a primeira muller gaiteira da localidade. Tamén se poden ver escenas das festas de San Roque coa presenza de Mike Kennedy, así como detalles de monumentos como o campanario da Encarnación ou a restauración do órgano.
En canto a Guadix, a exposición amosa tradicións e eventos como o festival da cabaza, a visita dos nenos cantores nos anos 70, e grupos musicais como Arboleda ou Los Godos.