A Casa Reitoral de Taboadela será reconvertida nunha Casa da Cultura

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, na súa sesión ordinaria semanal, vén de mobilizar un total de 775.948,83 euros destinados a cooperar con diferentes concellos e entidades.
No que atinxe á cooperación municipal, a cantidade destinada é de 715.948,83 euros. Neste apartado, a Deputación vén de ratificar o convenio de colaboración co Concello de Taboadela para a reforma da Casa Reitoral en Casa da Cultura deste municipio, o que suporá unha aportación da Deputación de 449.932,21 euros.
A sesión aprobou tamén unha subvención do Concello da Arnoia, por importe de 100.000 euros, para a expropiación de pagos do parque empresarial. Para a continuidade na rede de saneamento de A Bola destínanse 50.000 euros; mentres que para melloras do pavillón polideportivo municipal de Pereiro de Aguiar destínanse 76.016,62 euros. Para reparación de viarios municipais de Vilar de Santos a achega será de 20.000 euros, mesma cantidade que a concedida a Viana do Bolo para o acondicionamento dun camiño en Pinza.
No que atinxe ás entidades provinciais adícanse esta semana 60.000 euros, dos que a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afaor) percibirá 40.000 euros para a ampliación das súas actuais instalacións, mentres que o Clube Sendeiristas de Monterrei obterá 20.000 euros para un proxecto de peche de parcela.