A celebración da Carreira pola Igualdade provocará numerosas restricións de tráfico este domingo en Barbadás

Este domingo, 15 de marzo, celebrarase a III Carreira pola Igualdade e Contra a Violencia na Valenzá, unha cita xa consolidada dentro da programación do 8M do municipio. A proba, que pecha as súas inscricións esta noite, conta con máis de 300 persoas inscritas, principalmente mulleres, e ofrece un formato inclusivo no que os participantes poden percorrer os 5 kilómetros correndo, camiñando, en bicicleta, en patín ou mesmo acompañados das súas mascotas. Ademais, existe unha opción de percorrido reducido de 200 metros para favorecer a participación de todas as idades e capacidades.
O evento dará comezo ás 11:00 horas, polo que o tráfico rodado pecharase media hora antes, ás 10:45 horas, en rúas como a Avenida de Celanova, Rúa das Cuartas, Camiño de Barbadás, Calzada Romana, Salgueiriños, das Searas, Paseo dos Amieiros, da Paz e do Areal. Ao mesmo tempo, o tráfico permanecerá aberto en puntos como As Lamas en dirección á Finca Fierro, Rúa do Viso tamén cara á Finca Fierro e Tomás Rodríguez Punxin a través de Rúa Lameiro do Mato e Vilaescusa. O acceso á OU-0518 (Estrada Moreiras) poderá facerse mediante a OU-160 (Estrada de Barbadás) e a OU-540.
Para garantir a seguridade durante a carreira, habilitarase un amplo dispositivo formado pola Policía Local e Protección Civil, que contará tanto co servizo municipal como con reforzos doutros concellos. O Concello lembra á veciñanza a importancia de respectar as indicacións e medidas de seguridade durante o desenvolvemento da proba, que combina carácter deportivo, reivindicativo e inclusivo.