A CEO acolleu a presentación da nova formación ocupacional da Xunta

OurenseXa
A xornada, celebrada onte, destacou a necesidade de adaptar os cursos para persoas desempregadas á demanda real das empresas e do mercado laboral
acto-ceo-ourense
28 Jun 2025

A sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) acolleu este venres unha xornada centrada na formación para o emprego, na que representantes de empresas e da administración coincidiron na urxencia de adaptar a formación de persoas desempregadas ás necesidades reais do tecido empresarial e do mercado de traballo.

O acto foi inaugurado por Zeltia Lado, directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Xunta, acompañada por Jaime Pereira, secretario xeral da CEO, e Pedro Rey, presidente de CECAP Galicia, a asociación que agrupa os centros de formación e ensino non regrado. Zeltia Lado puxo en valor a importancia de aliñar a formación profesional coa realidade das empresas e avanzar cara a un modelo máis áxil e eficaz, capaz de responder á demanda de talento en Galicia. Ademais, destacou a utilidade deste tipo de encontros como espazo de diálogo para recoller e valorar propostas do sector empresarial.

Pola súa parte, Jaime Pereira incidiu na necesidade de adaptar a formación aos cambios que está a vivir o mercado de traballo, mentres que Pedro Rey defendeu manter e reforzar a colaboración entre centros de formación e administración para deseñar convocatorias cada vez máis axustadas á realidade.

Durante a sesión presentouse a nova convocatoria do programa de Accións Formativas para Persoas Desempregadas da Xunta, da man de Antía Guillén, subdirectora xeral de Formación para o Emprego, quen detallou que as novidades desta edición responden ás achegas recibidas por parte de empresas e entidades. Guillén subliñou que o orzamento para formación ocupacional acada os 50 millóns de euros para os anos 2025 e 2026, e explicou os prazos e requisitos da convocatoria que se publicará en breve.

A xornada rematou cunha mesa redonda moderada por Luis López, vicepresidente de CECAP, na que representantes do tecido produtivo local compartiron as súas achegas e prioridades para seguir axustando a oferta formativa á realidade económica da provincia. David Martínez, presidente de AEPA Ourense; Fernando Suárez, de Caldaria; Martín Crespo, de Dompa Xestión; e Pablo Novoa, director de Captioma, coincidiron en sinalar as dificultades actuais para cubrir determinados postos con persoas formadas e cualificadas.

Os participantes coincidiron na importancia de continuar impulsando programas de formación adaptados que melloren a empregabilidade e dean resposta de forma eficaz ás necesidades das empresas galegas.

⚙ Configurar cookies
0.16766309738159