A CEO acolleu unha xornada con motivo do Día Europeo da Igualdade Salarial

OurenseXa
A formación, impulsada pola Xunta, abordou o principio de igual retribución por traballos iguais e de igual valor con motivo da efeméride celebrada o pasado domingo
xornada-ceo-igualdade-salarial
26 Feb 2026

A sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) foi escenario este martes dunha xornada centrada na igualdade retributiva, promovida pola Xunta co gallo do Día Europeo da Igualdade Salarial, celebrado o pasado domingo. A actividade enmárcase no Campus formativo de igualdade laboral impulsado polo Goberno galego e estivo aberta tanto en modalidade presencial como telemática a empresas, profesionais e persoas interesadas.

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou na apertura do encontro, no que tamén interveu o presidente da CEO, David Martínez. Durante a súa benvida, Martínez subliñou que “a igualdade non é só un compromiso ético, senón unha condición imprescindible para construír organizacións máis competitivas, innovadoras e sostibles”, destacando o impacto positivo que as políticas de equidade teñen no clima laboral, na captación de talento e na reputación corporativa.

A formación foi impartida por Beatriz Sueiro, inspectora de Traballo e Seguridade Social, e por José Fernando Lousada, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Ao longo da sesión abordouse o principio de igual retribución por traballos de igual valor, analizando ferramentas para a súa aplicación práctica e cuestións como os complementos salariais e extrasalariais, incentivos ou beneficios sociais desde unha perspectiva de xénero.

Entre os contidos tratados figuraron a valoración dos postos de traballo como base das políticas salariais, as medidas de acción positiva para reducir a fenda salarial, o rexistro e a auditoría retributiva, así como a futura directiva europea sobre transparencia salarial, actualmente en proceso de transposición.

Tras a xornada, as persoas asistentes disporán ata o 4 de marzo para completar unha proba de avaliación a través do Campus en liña. Para obter o certificado de aproveitamento será necesario, ademais de ter participado na sesión, superar polo menos o 70 % das cuestións formuladas no test.

0.15539407730103