A CEO aproba as contas e o orzamento para 2025 cun aumento do 43,6%

OurenseXa
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, clausurou a asemblea anual poñendo en valor a tarefa da CEO como interlocutora do Goberno galego na provincia
asemblea-anual-ceo
26 Jun 2025

A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) celebrou este mércores asemblea xeral ordinaria no salón de actos de Afundación nunha convocatoria que reuniu a un amplo número de compromisarios e compromisarias. Durante esta sesión anual, a CEO presentou o balance da súa actividade e trazou as principais liñas de traballo para o próximo exercicio. Os asistentes aprobaron as contas e o orzamento, ademais do balance de asociados e o informe de xestión do último ano. No relativo á situación económica, os presentes aprobaron as contas do pasado exercicio que acumula unha tendencia positiva nos tres últimos anos, reflectindo unha mellora do 53,8% respecto ao ano anterior. O orzamento para este 2025 aumenta tamén nun 43,6% respecto ao executado en 2024.

Marisol Nóvoa, presidenta da entidade, repasou a actividade da organización no último exercicio, marcada polo apoio constante ao tecido empresarial da provincia, a defensa dos intereses comúns e a promoción de proxectos estratéxicos. Na súa intervención, a presidenta da CEO alertou sobre a falta de avances en infraestruturas fundamentais como a A-76 e a A-56, facendo especial fincapé na situación do paso do AVE por A Gudiña, cuxa redución de frecuencias cualificou como “arbitraria e inxusta”. Neste punto, Marisol Nóvoa lembrou que a CEO fixo fronte xunto coa Asociación Empresarial de Valdeorras para reivindicar e preservar a conexión con A Gudiña, e celebrou que nos últimos días se sumasen outros colectivos a esta reclamación. Destacou que a decisión de restar frecuencias vai contra o reforzo e o fomento dos entornos rurais para dotalos de servizos e políticas de desenvolvemento, e condena a esta comarca e á súa viabilidade empresarial e económica, ‘resulta incomprensible que, en lugar de reforzar esta infraestrutura estratéxica, se opte por recortes que xeran frustración e perda de oportunidades, desmantelando progresivamente un servizo esencial con apenas 3 anos e medio de vida, por iso mantemos a nosa reclamación ante Renfe, Adif e o Ministerio de Transporte para preservar a conexión con A Gudiña se queremos loitar por servizos, oportunidades e futuro na nosa provincia’, afirmou Marisol Nóvoa.

A presidenta da CEO reiterou tamén a preocupación empresarial polo impacto de medidas laborais que “aumentan os custos e dificultan a operatividade das pemes”, así como polo absentismo e a escaseza de persoal cualificado; e reclamou unha adaptación das políticas á realidade do tecido empresarial galego destacando que “unha carga fiscal elevada, un acceso limitado á financiación e un contexto global inestable seguen condicionando as decisións de inversión”. A pesar dos retos, Nóvoa apelou a manter unha actitude activa e cohesionada: “Desde a CEO reafirmamos a nosa disposición a seguir impulsando proxectos que reforcen o valor da nosa organización. A cooperación entre empresas é a base da nosa resiliencia e crecemento.”

Marisol Nóvoa alertou sobre os desafíos estruturais que enfronta o tecido empresarial ourensán, como a escaseza de persoal cualificado, o envellecemento demográfico, a dispersión territorial ou o recorte de servizos ferroviarios, que limitan o desenvolvemento de sectores clave. Frente a estes retos, defendeu o papel crucial das pemes e subliñou as oportunidades vinculadas á economía verde, á innovación e á transformación dixital. Tamén fixo referencia ao impacto da política comercial dos Estados Unidos e á inestabilidade internacional nas exportacións e cadeas de subministro, e abogou por diversificar mercados, fortalecer a resiliencia do tecido produtivo e esixir un desenvolvemento territorial máis equilibrado e sostible.

Durante o encontro, puxéronse en valor o papel das asociacións integradas na CEO, con especial recoñecemento a quen asumen tarefas de representación sectorial e territorial. ‘Poñerse ao fronte dunha asociación empresarial é un exercicio de xenerosidade e visión a longo prazo’, subliñou Marisol Nóvoa, destacando a chegada de novos presidentes a asociacións como Acauto, Pastelerías, Aeva ou o Cluster da Pizarra, cargos que ocupan César Fernández, Camilo Álvarez, Carlos Terán e Eladio López. Nóvoa insistiu en que ‘a forza do grupo multiplica a capacidade de cada empresa para acceder a servizos, exercer influencia e afrontar transformacións’. Igualmente quixo recoñecer a labor dos e das presidentas saíntes valorando a súa dedicación, compromiso e contribución ao desenvolvemento dos seus sectores e comarcas.

Neste punto, a presidenta da CEO aproveitou para lembrar dous empresarios recentemente falecidos: Ramón Seijas, expresidente de Acauto, cuxa traxectoria estivo marcada pola súa implicación co progreso económico da provincia; e Olegario Vázquez Raña, ourensán de proxección internacional que sempre mantivo vivo o seu vínculo coa terra. ‘Ambos encarnaron o espírito do traballo colectivo e deixan un legado inspirador para as futuras xeracións empresariais’, afirmou a presidenta.

Actividades e proxectos

No seu repaso do ano, a presidenta resumiu unha axenda institucional “intensa e diversa”, destacando a continuidade de programas como ExportOU Sostible ou Conecta Ourense Rural, e encontros con entidades de diversos ámbitos; tamén fixo referencia ao respaldo da CEO a feiras, congresos e premios que proxectan o talento empresarial ourensán, así como á participación activa en foros de emprendemento, internacionalización, sostibilidade e formación.

A CEO acolleu ou participou en eventos que abrangueron desde visitas de delegacións internacionais, como a da provincia chinesa de Qinghai, ata a colaboración no impulso coa formación universitaria ou o apoio a sectores estratéxicos como o termalismo, a mobilidade sostible ou a industria da pedra natural, entre outros eventos e xornadas celebradas ao longo do exercicio.

Tamén houbo espazo no informe da presidenta para as actividades, foros e eventos empresariais nos que a CEO representa o tecido empresarial e arroupa coa súa presenza as accións convocadas. Tal é o caso de presentacións, feiras e certames, entregas de premios e homenaxes, exposicións, asembleas, reunións empresariais convocadas por entidades homólogas como a CEG, e outros actos aos que a CEO acode como entidade representante do empresariado ourensán.

Clausura do presidente da Xunta

A clausura do acto correu a cargo de Alfonso Rueda, presidente da Xunta, ante o que a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, lembrou o papel do empresariado ourensán e galego e a súa intención de ‘seguir apostando pola innovación, a internacionalización e a sostibilidade’, obxectivos para os que ‘as nosas empresas precisan estabilidade, axilidade administrativa, unha fiscalidade razoable, e sobre todo, inversión estratéxica que nos permita ser competitivos e xerar emprego de calidade’, afirmou a presidenta.

Na súa intervención, o presidente da Xunta puxo en valor a traxectoria da Confederación Empresarial de Ourense ao longo de case cinco décadas como entidade de referencia, útil e coñecedora das necesidades das máis de 10.000 empresas da provincia.

O responsable do Executivo autonómico subliñou tamén que Galicia non sería a mesma sen as súas pemes, e que entidades como a Confederación son fundamentais para a súa consolidación e crecemento. Do mesmo xeito, o presidente autonómico incidiu no papel da Xunta como unha Administración facilitadora, que non pon obstáculos, senón que busca apoiar proxectos viables e con impacto real.

⚙ Configurar cookies
0.17694091796875