A CEO e a Asociación de Empresarias e Empresarios de Verín avanzan en novas liñas de cooperación

O novo presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), David Martínez Alonso, visitou este martes a sede da Asociación de Empresarias e Empresarios de Verín (AEVER) dentro da rolda de encontros que está a manter por distintos puntos da provincia tras a súa recente elección. A reunión serviu para sentar as bases dun acordo de colaboración entre ambas entidades.
O responsable da patronal ourensá acudiu acompañado polo secretario xeral da CEO, Jaime Pereira, e foi recibido pola presidenta de AEVER, Esther Gómez, e pola nova xerente da asociación, Beatriz Duarte Lorenzo, que asumiu ese mesmo día as súas funcións en substitución da anterior responsable.
Durante o encontro, ambas organizacións puxeron en común os seus principais proxectos e liñas de traballo, con especial atención ao apoio ao tecido empresarial da comarca de Verín, ao fomento do emprendemento e á mellora da competitividade de pemes e persoas autónomas. A reunión concluíu co compromiso de establecer un marco de colaboración para coordinar accións e reforzar a representación empresarial na zona.
Esther Gómez quixo agradecer “a sensibilidade que amosou o novo presidente da CEO, institución coa que contaremos a miúdo por sermos tamén uns recén chegados a esta nova responsabilidade. Somos conscientes que, como en case tódolos ámbitos, a cooperación, colaboración e creación de sinerxias son fundamentais para manter vivo e impulsar o tecido empresarial ourensá ante as continuas ameazas que sufre do exterior”.
Pola súa banda, David Martínez destacou que “esta nova presidencia, xunto co meu equipo, non só está a dispor de todos os seus asociados, senón que ábrese, como non pode ser doutro xeito, a toda institución pública ou privada que teña un proxecto e gañas de situar a Ourense no nivel que merece pola grande terra que é, de xente valente e traballadora”.