A CEO entrega o primeiro Recoñecemento Impulsa Marisol Novoa

OurenseXa
Nesta primeira edición, a CEO outorgou este recoñecemento a Ana María Méndez Gómez, pola súa destacada traxectoria profesional e o seu compromiso co impulso do asociacionismo feminino e a igualdade
ceo-premio-impulsa-marisol-novoa
Acto de entrega do Recoñecemento Impulsa Marisol Novoa
9 Mar 2026

A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) celebrou esta mañá un acto con motivo do Día Internacional da Muller no que presentou a creación do Recoñecemento Impulsa Marisol Novoa, unha nova distinción destinada a poñer en valor a traxectoria e o liderado de mulleres referentes no tecido empresarial e profesional.

O evento tivo lugar no patio da sede empresarial, reunindo arredor dun cento de mulleres e homes procedentes de distintos sectores empresariais, entidades e organismos da provincia, nun encontro que puxo de relevo o compromiso da organización coa igualdade de oportunidades no ámbito económico e social.

Este recoñecemento, destacou o presidente da CEO, David Martínez, durante a súa intervención, está destinado ás mulleres da provincia e co obxectivo de manter no tempo o legado de Marisol Novoa “que tanto fixo pola muller e por esta provincia”.

A vicepresidenta da CEO, Beatriz Gómez, foi a encargada de presentar oficialmente o Recoñecemento Impulsa Marisol Novoa, que nace para honrar a memoria de quen foi presidenta da organización entre 2019 e 2025 e pioneira ao converterse na primeira muller en presidir unha organización empresarial provincial en Galicia. O galardón, explicou, “nace con vocación de continuidade para celebrarse cada ano arredor do 8 de marzo e recoñecer traxectorias que contribuíron ao desenvolvemento económico e social desde o liderado feminino”.

Nesta primeira edición, a CEO outorgou este recoñecemento a Ana María Méndez Gómez, pola súa destacada traxectoria profesional e o seu compromiso co impulso do asociacionismo feminino e a igualdade de oportunidades. Méndez foi presidenta da Asociación de Empresarias de Ourense (AME) durante tres mandatos e foi tamén a primeira presidenta da Federación Hispano-Lusa de Empresarias, ademais de continuar actualmente a súa labor en iniciativas orientadas a visibilizar o papel das mulleres en distintos ámbitos profesionais.

Coa creación deste recoñecemento, a CEO busca consolidar unha cita anual que manteña vivo o legado de Marisol Novoa e continúe impulsando o liderado feminino no ámbito empresarial.

0.097026109695435