A CEO entrega os seus premios anuais á excelencia empresarial en Ourense

OurenseXa
Arredor de 250 representantes do colectivo empresarial e das administracións déronse cita na entrega de galardóns
Gala CEO 2024
Gala CEO 2024
12 Dec 2024

A Carballeira de Santa Cruz foi escenario un ano máis da entrega de premios ás empresas ourensás organizada pola CEO. Máis de 200 persoas reuníronse nun recoñecemento ás seis pemes ourensás galardoadas nesta edición, nas categorías de innovación, sostibilidade, comercio, empresa familiar, exportación e responsabilidade social.

Unha numerosa representación do tecido empresarial da provincia e galego, así como de distintas entidades, organismos e administracións, participou neste recoñecemento que a presidenta da entidade anfitrioa, Marisol Nóvoa, aproveitou para resaltar a cada vez máis necesaria unión empresarial e colaboración público-privada. Nóvoa destacou na súa intervención de benvida a importancia da resiliencia como alicerce do éxito empresarial afirmando que "hoxe celebramos os logros individuais das nosas empresas, pero tamén o poder da colaboración, que é o que nos permite transformar os desafíos en oportunidades". Así mesmo, subliñou a fortaleza do tecido empresarial ourensán afirmando que "a nosa diversidade é a nosa maior fortaleza; xuntos temos máis capacidade de acción e máis garantías de superar os retos que afrontamos".

Pola súa banda, o director Institucional de Abanca en Galicia, España Norte e Portugal, Lino Comesaña, quixo "recoñecer o alto nivel que atesouran as corporacións da provincia, con proxectos empresariais capaces de liderar o seu sector e de chegar a calquera recuncho do planeta". Comesaña reivindicou durante a súa intervención o apoio desta entidade na provincia e puxo en valor "o papel das empresas como catalizadoras do progreso, que nos permiten avanzar como sociedade, xerar riqueza, afrontar retos máis ambiciosos, ver o mundo con outros ollos e, en definitiva, comprometernos co futuro".

O presidente da Deputación, Luis Menor, afirmou na súa quenda que "sempre é especial enxalzar a audacia, a valentía, o talento, a innovación, a sostibilidade, a responsabilidade social e a calidade. Todas elas, condicións sine qua non do noso tecido empresarial nesta provincia".

Celebrando o talento empresarial

Durante o evento, a CEO fixo entrega dos galardóns a seis empresas ourensás que destacaron en sostibilidade, na súa xestión como empresa familiar, no comercio, na responsabilidade social, na innovación e na exportación, este último baixo a denominación de José Manuel Pérez Canal, anterior presidente da entidade en cuxa memoria foi instaurado este galardón.

O primeiro premio á empresa sostible foi para Bandepellet S.L., co que se recoñece a integración de compromiso ambiental, desenvolvemento social e beneficio económico no seu contorno, ademais da súa capacidade para demostrar que a sostibilidade pode ser o alicerce dun crecemento equilibrado e responsable.

A Cooperativa Santa Mariña de Loureiro SCG, situada no Irixo, recibiu o premio á responsabilidade social empresarial, polo compromiso constante cos seus socios, as súas familias e a comunidade na que se atopa.

Como empresa innovadora foi destacada A Cova da Xabreira pola súa capacidade para fusionar o legado da tradición vitivinícola con propostas innovadoras e visionarias.

Calzados Marfil recibiu o premio de comercio, pola súa capacidade de evolución e adaptación aos cambios neste sector, así como o compromiso co asociacionismo empresarial.

A firma Gómez y Crespo S.A. mereceu o recoñecemento á empresa familiar, por forxar unha traxectoria exemplar de máis de 50 anos combinando innovación e sostibilidade, sen abandonar ese carácter familiar.

Para pechar a entrega, o premio José Manuel Pérez Canal á Exportación foi para Redegal S.A., compañía que logrou posicionarse nun sector competitivo a nivel mundial e destacar dende os seus inicios hai dúas décadas pola súa capacidade de internacionalización e expansión continua.

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, pechou a entrega de premios coa súa intervención, felicitando as empresas premiadas: "Estou aquí para celebrar a excelencia empresarial de toda Galicia e hoxe de Ourense en particular, así como para encomiar o esforzo, dedicación e visión de todos os que traballades a diario por prosperar, porque co voso traballo prospera cada un de vós e prospera toda Galicia".

Este evento reafirmou o compromiso da CEO co fortalecemento do tecido empresarial, apostando pola dixitalización, a formación e a sostibilidade como claves para afrontar os retos do futuro.

⚙ Configurar cookies
0.078711986541748