A CEO premia o talento empresarial ourensán na súa gala anual

OurenseXa
O acto reuniu 300 asistentes e serviú como homenaxe á ex presidenta Marisol Novoa
Gala-ceo
13 Dec 2025

A Carballeira de Santa Cruz acolleu este xoves a Gala das Empresas Ourensás, o encontro anual organizado pola Confederación Empresarial de Ourense (CEO) para destacar o traballo e a traxectoria do tecido empresarial da provincia. Máis de 300 persoas asistiron a un evento que comezou cun homenaxe a Marisol Novoa, presidenta da entidade entre 2019 e 2025, falecida o pasado mes de agosto.

A gala incorporou este ano unha nova categoría, Espírito Emprendedor Autónomo, que se suma ás habituais de Empresa Familiar, Innovación, Sostibilidade, Comercio, Responsabilidade Social e Exportación. En total, sete compañías foron distinguidas polo seu labor (relación completa no anexo facilitado pola organización).

O acto abriu coa proxección de imaxes da traxectoria de Marisol Novoa e coas intervencións das vicepresidentas da CEO, Beatriz Gómez e Olga Santos, que lembraron o seu liderado e o legado que deixou na entidade.

Na súa intervención, o presidente da CEO, César Blanco, agradeceu o apoio de empresas e institucións e subliñou a importancia de manter vivo o recordo de Marisol Novoa. Avanzou ademais que unha das prioridades da organización será “recuperar a Cámara de Comercio de Ourense”, un reto que, afirmou, “require consenso e visión de futuro”. Tamén destacou o papel do tecido produtivo provincial: “Ourense ten todo o necesario para avanzar con firmeza: bos empresarios, traballadores comprometidos, unha formación de calidade, unha universidade excelente, medios de comunicación de referencia e, sobre todo, moitas ganas de medrar”.

A gala contou tamén coa participación de representantes empresariais a nivel galego e estatal: Juan Manuel Vieites (CEG), Ángela de Miguel (Cepyme) e Lorenzo Amor (ATA). Amor defendeu a necesidade de reducir trabas e avanzar na equiparación de dereitos para os autónomos, mentres que De Miguel lembrou que as pemes representan máis do 98% do tecido empresarial e xeran a maior parte do emprego, valorando ás firmas ourensás como “empresas que medran, innovan e crean emprego”. Vieites, pola súa parte, pediu impulsar novas iniciativas empresariais mediante menos burocracia e unha fiscalidade máis competitiva, e reclamou medidas que reforcen a competitividade económica en 2026.

Tamén interviu Lino Comesaña, director institucional de Abanca en Galicia, España Norte e Portugal, quen reafirmou o compromiso da entidade co apoio ás familias, empresas e administracións do territorio.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, pechou a apertura do acto destacando que a gala estaba marcada polo recordo a Marisol Novoa, “unha referente do empresariado ourensán”, e definiu a súa presidencia como un exemplo de diálogo, serenidade e compromiso.

EMPRESAS PREMIADAS

  • Durante o evento entregáronse os galardóns ás sete empresas distinguidas este ano:
  • Empresa Familiar: Grupo Academia Postal, referente en formación con implantación nacional e internacional.
  • Espírito Emprendedor Autónomo: Piel Natura, firma de cosmética vegana baseada en innovación sostible e uso de materias primas locais.
  • Empresa Sostible: Acoval (Aglomerados e Construcións Valdeorras), recoñecida pola súa xestión ambiental, mitigación da pegada de carbono e altos estándares de gobernanza.
  • Empresa Innovadora: Mecanizados Rodríguez Fernández (MRF), destacada pola súa tecnoloxía aplicada ao transporte e á loxística, e polas súas patentes e desenvolvementos protexidos internacionalmente.
  • Comercio: Junior, negocio familiar con máis de 40 anos de traxectoria e referencia para varias xeracións.
  • Responsabilidade Social Empresarial: Autos González, recoñecida tamén co selo “Empresa Responsabilízate” pola súa integración de criterios ambientais, sociais e de bo goberno.
  • Premio José Manuel Pérez Canal á Exportación: Aníbal Metalmecánica Galega (AMG), con máis do 50% da súa facturación en mercados exteriores e presenza en países como Alemaña, Estados Unidos e China.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, clausurou o acto destacando a necesidade de colaboración entre empresas e administracións para impulsar a creación de riqueza e emprego. Sinalou ás compañías premiadas como exemplo do potencial económico da provincia e recoñeceu o labor da CEO. Tamén lembrou a Marisol Novoa, afirmando que a mellor maneira de honrar a súa memoria é “seguir traballando por Ourense e por Galicia como fixo ela”.

Con esta gala, a CEO volve poñer en valor o talento empresarial da provincia e o esforzo das compañías que contribúen ao desenvolvemento económico e social de Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.079131841659546